O Concello de Chantada urbanizará máis de 2.500 m2 na vila a partir deste verán

RibeiraSacraXa
As intervencións centraranse nas rúas Concepción Arenal e Ribeira Sacra e permitirán mellorar a mobilidade, ampliar espazos públicos e habilitar novas áreas verdes en dous puntos considerados estratéxicos polo consistorio
rua-concepcion-arenal-chantada
14 May 2026

O Concello de Chantada prevé iniciar a comezos do verán dúas actuacións urbanísticas nas rúas Concepción Arenal e Ribeira Sacra, despois de desbloquear ambos proxectos mediante a adquisición e cesión de terreos nestas zonas da vila.

As intervencións permitirán mellorar a mobilidade, ampliar espazos públicos e habilitar novas áreas verdes en dous puntos considerados estratéxicos polo consistorio. Para iso, o Concello destinou arredor de 150.000 euros á compra de solares, co obxectivo de actuar sobre unha superficie duns 2.500 metros cadrados.

Na zona alta de Chantada, na rúa Concepción Arenal, o consistorio adquiriu a finais do pasado ano dúas parcelas e conseguiu ademais a cesión doutro terreo grazas a un acordo con ABANCA. Esta operación permitirá abrir un novo vial dotado de beirarrúas, iluminación, saneamento, aparcadoiros e diferentes servizos urbanos.

O proxecto contempla tamén a creación dunha ampla zona verde con parque infantil e equipamentos biosaludables. O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destacou a importancia desta actuación para resolver problemas pendentes na contorna. “É unha obra importante para desbloquear unha zona para a que se levaba tempo reclamando solucións. Coa compra destes solares conseguiremos abrir un vial e dar mellores comunicacións e servizos”, sinalou.

A segunda actuación desenvolverase na contorna da rúa Ribeira Sacra, xunto ao espazo aberto hai anos nas proximidades da rúa Emilia Pardo Bazán. Neste punto proxéctase ampliar a zona verde existente e habilitar unha nova saída para aliviar os problemas de tráfico que se rexistran habitualmente.

“Nesta zona quitaranse os muros de bloque actuais e colocarase novo pavimento, dotarémola de beirarrúas e dunha zona verde con especies autóctonas”, explicou o rexedor.

Segundo avanzou o Concello, as primeiras obras executaranse coa participación do alumnado do Obradoiro de Emprego municipal.

0.11807608604431