O Concello de Chantada levará acabo renovación integral do firme na para corrixir os danos polo tráfico

RibeiraSacraXa
As actuacións executaranse unha vez remate o verán para evitar afeccións nun dos puntos con maior circulación da vila
praza-santa-ana-chantada
1 Jul 2026

O Concello de Chantada ten previsto acometer unha actuación integral na Praza de Santa Ana coa finalidade de mellorar a zona destinada ao tránsito de vehículos e resolver os problemas derivados do deterioro do pavimento.

Segundo a planificación municipal, a intervención consistirá no levantamento da pedra existente e na renovación da capa de rodadura co obxectivo de reducir os danos que sofre esta área debido ao elevado volume de circulación que soporta diariamente.

A Praza de Santa Ana constitúe unha das principais vías de paso da vila do Asma e concentra unha importante intensidade de tráfico, especialmente durante os meses de verán. Por este motivo, o goberno local decidiu adiar o inicio dos traballos ata despois da tempada estival.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, explicou que “Queremos mellorar o tráfico rodado neste punto, pero durante as obras será necesario facer unha reestruturación do tráfico e cortes nas rúas que afectarían ao tránsito de vehículos cando temos moita xente en Chantada. Comezarán as obras en canto remate o verán”.

Desde o Concello sinalan que a superficie empedrada desta zona soporta o paso continuo de vehículos, incluídos camións, unha situación que provoca danos recorrentes nas pedras e obriga a realizar reparacións periódicas. “Deste modo conseguiremos unha solución definitiva para esta zona”, asegura o rexedor.

Mentres non se executa a reforma integral, o Concello xa levou a cabo actuacións provisionais consistentes na retirada das baldosas máis deterioradas e na aplicación dunha solución temporal con formigón nas zonas afectadas. Estes materiais serán retirados cando se realice a renovación definitiva do espazo.

0.12189912796021