O Concello da Teixeira pon en marcha un autobús gratuíto para as eleccións xerais do 29 de novembro

O Concello da Teixeira puxo en marcha un servizo de transporte gratuíto para que a veciñanza do municipio poida desprazarse sen dificultade ata o colexio electoral con motivo das eleccións xerais que se celebran este domingo, 29 de novembro.
A medida, recollida nun bando municipal asinado o pasado 20 de novembro, ten como obxectivo "facilitar a participación de tódolos electores" na xornada electoral, segundo se explica no documento. O punto de votación atópase habilitado na casa consistorial, polo que o servizo de microbús percorrerá distintas localidades do concello para recoller aos votantes e trasladalos ata alí.
O itinerario organizouse en catro quendas ao longo da mañá, con distintos horarios de saída segundo a zona. O primeiro traxecto partirá ás 09.15 horas desde Cristosende con destino A Teixeira. Ás 10.40 horas sairá un segundo percorrido que pasará por Abeleda, Cimadevila, Cobas e A Cruz, antes de chegar tamén á Teixeira.
Posteriormente, ás 11.30 horas, está previsto un terceiro traxecto desde Boazo ata a capital municipal. O último dos percorridos, o máis amplo de todos, sairá ás 12.30 horas desde Valilongo e realizará paradas en Sistín, Quintela, A Veiga, Pedrafita, Celeirós e Xirás, rematando igualmente na Teixeira.
Deste xeito, o consistorio busca garantir que ningún veciño quede sen poder exercer o seu dereito ao voto por falta de medios de transporte, especialmente nun municipio rural onde varias parroquias se atopan afastadas do núcleo onde se sitúa o colexio electoral.