O Concello da Pobra de Trives denuncia actos vandálicos nunha arqueta que puxeron en risco o abastecemento de auga

O Concello da Pobra de Trives denuncia unha actuación que, segundo explica, puxo en risco o abastecemento de auga da poboación ao impedir a entrada de auga nunha das arquetas dun dos mananciais municipais. Os responsables municipais aseguran que na instalación atoparon o cadeado rebentado e unha táboa colocada á medida para evitar a entrada de auga. Como consecuencia, a cantidade que chegaba ao depósito reduciuse considerablemente, polo que foi necesario volver poñer en funcionamento o bombeo para garantir o abastecemento ao pobo.
O Concello considera que a actuación puido ser realizada de maneira deliberada durante as festas. A situación foi detectada despois de que un veciño alertase do problema, o que permitiu localizar a incidencia e adoptar as medidas necesarias.
Desde o Goberno municipal inciden en que este tipo de actuacións non prexudican unicamente á administración, senón que poden acabar afectando directamente ao conxunto da veciñanza ao poñer en risco un servizo básico como o abastecemento de auga. “Non se prexudica a un goberno municipal: ponse en risco o abastecemento de auga de todo un pobo”, sinalan desde o Concello.
O Goberno municipal cuestiona así que se poida chegar a actuar deste xeito coa finalidade de desgastalo e lembra que as consecuencias recaen sobre os propios veciños e veciñas.