O Concello da Pobra de Trives denuncia a exclusión do seu proxecto do Plan Corresponsables 2026 por falta de crédito

RibeiraSacraXa
O goberno local cualifica de “difícil de entender” a decisión da Xunta, pese a que o programa foi considerado subvencionable, e reclama ampliar os fondos para financiar todos os proxectos aprobados
concello-de-trives
23 Jun 2026

A alcaldesa da A Pobra de Trives, Patricia Domínguez, dirixiuse á conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García Martínez, para expresar o seu “malestar e fonda decepción” tras a resolución do Plan Corresponsables 2026, na que o proxecto municipal de conciliación quedou excluído por falta de crédito orzamentario.

No escrito, o Concello sinala que o máis grave da situación é que a propia Xunta recoñece que o proxecto cumpre cos requisitos establecidos e que é considerado subvencionable e valorado de forma favorable. Segundo se recolle na carta, non se trata dunha exclusión por deficiencias técnicas nin por incumprimento das bases, senón por unha insuficiente dotación económica.

O goberno local afirma que resulta difícil entender que unha Administración con competencias en materia de políticas sociais e igualdade, e que manifesta o seu compromiso coa conciliación e coas familias, non sexa capaz de garantir recursos suficientes para financiar programas que responden a estes obxectivos.

O Concello da Pobra de Trives subliña que se trata dun servizo esencial para as familias do municipio, nun contexto rural no que existen dificultades engadidas para compatibilizar a vida laboral e familiar, polo que considera que os programas de conciliación non son unha actividade complementaria, senón unha necesidade.

Na comunicación tamén se critica que a Xunta deixe fóra iniciativas consideradas válidas e necesarias, o que obriga ás administracións locais a asumir custos económicos que, segundo o Concello, non lles corresponden. O escrito engade que son os concellos os que rematan soportando o financiamento para evitar prexuízos á cidadanía.

A alcaldesa tamén apunta que a maior parte dos recursos do Plan Corresponsables proceden de fondos transferidos polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España, e cuestiona por que non se destinan fondos suficientes para atender todos os proxectos que cumpren os requisitos e foron valorados positivamente.

O Concello asegura que o programa se desenvolverá igualmente con recursos propios, ao considerar que a conciliación non pode depender dunha convocatoria nin da falta de dotación orzamentaria doutras administracións, pero denuncia que isto supón asumir un gasto que debería estar compartido.

Na carta tamén se critica que os concellos non poden seguir sendo a “rede de seguridade permanente” fronte ás insuficiencias financeiras doutras institucións, especialmente no caso dos municipios rurais, que dispoñen de menos recursos.

Por último, o goberno local solicita expresamente á Xunta de Galicia que amplíe o crédito destinado ao Plan Corresponsables e aprobe unha resolución complementaria que permita financiar todos os proxectos considerados subvencionables, como o da Pobra de Trives, lembrando que en convocatorias anteriores xa se adoptaron ampliacións de crédito tras reclamacións de concellos.

O Concello conclúe que as familias “necesitan feitos e recursos, non anuncios”, e reclama que a Xunta asuma as súas responsabilidades sen trasladar o custo ás administracións locais.

0.1342830657959