O Concello da Pobra de Trives continúa cos traballos de mantemento en diferentes zonas do municipio

RibeiraSacraXa
As actuacións da última semana incluíron tarefas de limpeza, desbroce, rego de zonas verdes e reparación de avarías na rede de abastecemento de auga
fonte-pilon-trives
13 Jul 2026

O Concello da Pobra de Trives prosegue coas tarefas de mantemento e conservación dos espazos públicos en distintos puntos do municipio. Durante a pasada semana, o persoal municipal levou a cabo actuacións de limpeza, desbroce, acondicionamento de zonas verdes e reparación de incidencias na rede de abastecemento.

Entre os traballos realizados figuran labores de desbroce e soprado na Avenida de América, a Ronda do Toural, a Urbanización e Os Trintas.

Tamén se efectuou o rego dos roseirais situados en San Roque e no tramo comprendido entre Pontenovo e Navea, co obxectivo de garantir o seu bo estado durante os días de altas temperaturas. Ademais, reparáronse varias avarías na rede de abastecemento de auga.

As brigadas municipais actuaron igualmente nas zonas do Carballal, Vista Alegre, Camiño da Rebolada, Rúa Francia, Rúa Caetano, O Moar e Marqués de Trives, onde se desenvolveron novas tarefas de desbroce.

Ao longo da semana tamén se realizaron labores de limpeza na contorna do Pilón, nas beirarrúas do Carballal e na zona do Toural, ademais doutros traballos de acondicionamento en diferentes espazos públicos.

Desde o Concello sinalan que estas actuacións forman parte das tarefas ordinarias de mantemento co obxectivo de conservar a Pobra de Trives en boas condicións para o conxunto da veciñanza.

0.12294697761536