O Concello Chantada habilita novas prazas de estacionamento para facilitar o acceso ás farmacias

O Concello de Chantada vén de poñer en marcha catro novas prazas de estacionamento reservadas para persoas usuarias das farmacias da vila, unha medida orientada a mellorar a accesibilidade a un servizo esencial, especialmente para persoas con mobilidade reducida, idade avanzada ou problemas de saúde.
A actuación, impulsada pola Concellería de Infraestruturas Urbanas, sitúa estas novas zonas de aparcadoiro diante das catro farmacias existentes no núcleo urbano, concretamente nas rúas Mariano Cedrón e Xoán XXIII, así como na Avenida de Lugo e na Avenida de Ourense.
As prazas están identificadas mediante pintura verde e unha cruz branca no pavimento, ademais da correspondente sinalización vertical. O seu uso está limitado a un máximo de dez minutos e queda reservado exclusivamente para persoas que acudan á farmacia.
Con esta iniciativa, o Concello busca favorecer a rotación dos vehículos e garantir que un maior número de veciños poida beneficiarse destes espazos cando necesite recoller medicación ou realizar xestións relacionadas coa súa saúde.
Desde a Alcaldía apelan ao uso responsable destas prazas para asegurar a súa eficacia. Neste sentido, o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, destacou que “Búscase que estas prazas cheguen ao maior número posible de persoas, especialmente aquelas que necesitan un acceso rápido e cómodo a un servizo directamente vinculado coa súa saúde”.
A medida forma parte das accións municipais destinadas a mellorar a mobilidade e a accesibilidade nos servizos básicos da vila.