O club de lectura de Torbeo volve xuntarse para falar da emigración galega a Cuba en Ribas de Sil

O club de lectura da escola de Torbeo celebrará a súa segunda sesión o domingo 15 de novembro, ás 17.00 horas, despois da boa resposta acadada no seu primeiro encontro. O proxecto, posto en marcha co obxectivo de impulsar a lectura e xerar un punto de reunión e intercambio cultural, váise consolidando como unha proposta de interese nun contorno rural tan pequeno como o desta parroquia.
A cita volve amosar que a actividade cultural pode seguir viva nas aldeas, lonxe dos núcleos urbanos, e que participar neste tipo de iniciativas non require vivir nunha vila ou cidade.
Nesta segunda xuntanza, as persoas asistentes poñerán en común as súas valoracións sobre a novela ‘Azucre’, escrita por Bibiana Candia, un relato que recupera a memoria dos mozos galegos que emigraron a Cuba a mediados do século XIX. Aqueles rapaces partiron á procura dunha vida mellor, pero moitos acabaron sometidos a condicións de explotación extremas nas plantacións de azucre da illa.
A conversa, cunha duración aproximada dunha hora, estará conducida por Antonio Paz, encargado de dinamizar o intercambio de opinións, lecturas e interpretacións arredor da obra.
Entre os trazos máis destacados desta proposta está o seu carácter aberto: non é preciso vivir en Torbeo nin formar parte da asociación veciñal para tomar parte na sesión. Pode sumarse calquera persoa que teña lido o libro e queira compartir as súas impresións, veña de onde veña.
O club de lectura organízase de xeito conxunto entre a Asociación de Veciños de Torbeo (A.VE.TO.) e o Concello de Ribas de Sil, dentro da súa colaboración habitual para dinamizar a vida cultural e social da parroquia. A propia escola de Torbeo, recuperada como espazo comunitario, convértese así en escenario de encontro, diálogo literario e participación veciñal.
Desde as entidades impulsoras amósase satisfacción pola acollida que está a ter a iniciativa e a vontade de darlle continuidade, de xeito que a lectura sirva tamén como escusa para reunirse, conversar e manter activa a vida cultural no rural.