O Circuíto Profesional de Teatro leva a Bóveda a función ‘Raio the Loubicán’

O Centro Sociocultural de Bóveda acollerá este venres, 2 de outubro, a representación de ‘Raio the Loubicán’, un espectáculo de Mircromina Títeres que forma parte do Circuíto Profesional de Teatro impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A función comezará ás 15.30 horas e está destinada a público a partir de 3 anos. A proposta presenta unha historia protagonizada por un ser metade lobo e metade can que percorre diferentes prazas xunto ao Caminante para amosar o seu talento nun espectáculo de varietés de carácter rural.
A historia parte do relato que Antolín O Bailarín lle contou ao Caminante sobre Linkecho, un can que conseguiu romper as cadeas coas que permanecera preso durante dez anos ao pé dunha palleira. A liberdade do animal e a súa unión cunha loba das montañas dan lugar ao nacemento de Raio The Loubicán, protagonista do espectáculo.
A actividade forma parte da aposta da Vicepresidencia da Deputación por incorporar propostas de teatro profesional ás axendas culturais dos concellos.