O cinema portugués achegouse á Ribeira Sacra nunha primeira cita chea de proxeccións, música e encontros

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A iniciativa combinou curtas e longametraxes con concertos, coloquios e a presenza de varios cineastas en distintos puntos da comarca, e terá continuidade co outono e a primavera
Vendaval_2026
31 Aug 2026

A Mostra de Cinema Portugués arrincou a súa terceira edición cunha primeira cita que, entre o 25 e o 30 de agosto, levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a varios espazos da comarca. Trátase dunha proposta cultural gratuíta e vinculada ao territorio que contará con dous novos pases durante o outono e a primavera, cando se sumarán novas propostas cinematográficas.

Baixo o título 'Historia e territorio', esta terceira edición propuxo un percorrido polas relacións entre os lugares e as historias que os marcaron, dende a memoria histórica e as herdanzas coloniais ata as transformacións urbanas e as desigualdades actuais.

Un dos trazos que define ao Vendaval é sacar o cinema dos circuítos habituais para levalo a espazos culturais, locais de restauración e adegas da comarca, combinando así cultura, territorio e encontro.

A programación comezou en A Palleira, en Sarria, cunha sesión de curtametraxes arredor da transformación urbana e a xentrificación nas cidades portuguesas. Ao día seguinte, o punto de encontro foi a Aldaba de Rosende, en Sober, coa proxección de 'Entroncamento', de Pedro Cabeleira, que conversou co público tras o pase.

A cita con maior asistencia tivo lugar na Abadía da Cova, no Saviñao, onde un concerto de Calcutá precedeu á proxección de 'Onte á noite conquistei Tebas', de Gabriel Azorín, nunha sesión que uniu cinema, música e paisaxe.

Xa na fin de semana, a actividade concentrouse na Casa da Memoria de Bóveda, onde se puideron ver 'As Estações', de Maureen Fazendeiro; 'O Riso e a Faca', de Pedro Pinho, e 'Banzo', de Margarida Cardoso, ademais da sesión de clausura con 'San Simón', de Miguel Ángel Delgado.

A presenza de profesionais vinculados ás películas foi outro dos trazos deste primeiro pase, con encontros e conversas que acompañaron as proxeccións, entre elas unha dedicada á memoria histórica.

Con esta primeira cita, o Vendaval reafirma a súa aposta por achegar ao rural propostas culturais accesibles e de calidade, aproveitando os espazos e recursos propios da Ribeira Sacra.

0.12437200546265