O Cineclube Ateneo de Monforte estrea programación de novembro con máis variedade de xéneros e formatos

O Cineclube Ateneo de Monforte presentou a súa programación para o mes de novembro, que chega con novidades respecto á primeira tempada. Tras a inauguración desta segunda etapa o pasado mes de outubro e unha programación especial con motivo do Samaín, a entidade retoma agora o seu calendario habitual, que se manterá tódolos venres, agás festivos, ás 20.15 horas ata o mes de maio.
Entre os principais cambios introducidos destaca a aposta por unha maior diversidade de xéneros e formatos cada mes. En concreto, cada ciclo mensual incluirá unha proxección en versión orixinal subtitulada (VOS) e o que denominaron “a película do público”, unha sesión na que os espectadores poderán escoller entre tres propostas de distintos xéneros previamente seleccionadas polo grupo de contidos do cineclube.
A organización tamén confirmou que manterá os espazos de coloquio e debate arredor do mundo audiovisual, así como as colaboracións con outras entidades e profesionais do sector. Segundo explican dende o Ateneo, estas iniciativas buscan poñer en valor a produción audiovisual, tanto a realizada dentro como fóra do territorio, e ofrecer aos veciños da comarca unha oferta cinematográfica máis ampla en canto a formatos e temáticas.
Novas incorporacións ao equipo
De cara a esta tempada, o cineclube suma dous novos colaboradores vinculados dende hai tempo ao mundo do cinema en Monforte. Por unha banda, incorpórase Ángel Arnaiz, que no seu momento formou parte da directiva do Cineclube A Calexa. Pola outra, participará tamén na selección de contidos Alejandro Dadas Valcarce, profesor de historia e asiduo ao Festival de Cine Fantástico de Lemos (Fancine), descrito como un cinéfilo coñecedor dos circuítos máis alternativos da sétima arte.
As sesións de novembro
A programación arrincará o venres 6 co documental ‘City for Sale’, dirixido por Laura Álvarez e cunha duración de 82 minutos. O filme retrata, a través do seguimento durante case dous anos de catro familias barcelonesas, o impacto que o turismo masivo está a ter sobre o distrito de Ciutat Vella, un dos máis visitados de Barcelona e á vez un dos que concentra maior patrimonio histórico e cultural.
O venres 13 chegará a quenda de ‘Benvenuti al Sud’ (Benvidos ao Sur), en versión orixinal subtitulada, dirixida por Luca Miniero e con 102 minutos de duración. Trátase da adaptación italiana da popular comedia francesa ‘Benvidos ao Norte’, que narra as peripecias dun traballador de Correos que, tras intentar sen éxito conseguir un traslado a Milán, é destinado como castigo a unha localidade do sur de Italia, unha rexión que inicialmente observa con prexuízo.
O venres 20, o Ateneo acollerá por primeira vez unha sesión integrada no pase de outono da terceira edición de Vendaval, a Mostra de Cinema Portugués da Ribeira, un evento coordinado pola produtora audiovisual afincada en Lisboa Tamara González López, nada en Pantón en 1987. Proxectarase ‘Después de las Ciudades’, dirixida por Xacio Baño, cunha duración de 86 minutos, cuxo protagonista percorre distintas cidades europeas durante o Nadal en busca de respostas, mentres a súa filla lle pregunta por carta onde se atopa. Baño, natural de Xove, presentou os seus traballos en festivais como Locarno, San Sebastián, Clermont-Ferrand ou Mar del Plata, entre outros, e é membro da Academia de Cine Europeo, a Academia de Cine Español e a Academia Galega do Audiovisual. Quen desexe ampliar información sobre esta mostra pode consultar a web vendaval.gal.
Por último, o venres 27 celebrarase a xa mencionada “película do público”. Cada mes, o Ateneo compartirá nas súas redes sociais unha votación para que calquera persoa interesada poida apoiar a súa opción favorita, unha fórmula coa que a entidade busca empregar as novas tecnoloxías como ferramenta de participación e reforzar o sentimento de comunidade arredor do cinema.
Dende a organización quixeron ademais poñer en valor o traballo das persoas voluntarias e os recursos achegados polos socios do Ateneo, grazas aos cales Monforte pode seguir contando cun cineclube de acceso gratuíto.