O Cineclub Ateneo organzia un novo ciclo de cine social cunha programación centrada na inmigración e as liberdades

RibeiraSacraXa
Ademais das proxeccións, o programa inclúe espazos de diálogo con profesionais de referencia da comarca de Lemos
cineclube-casino-ateneo-ciclo-social-maio-2026
6 May 2026

O Cineclub Ateneo retoma a súa actividade cun novo ciclo de cine social que se desenvolverá durante o mes de maio. Esta programación pon o foco en temáticas de actualidade como a inmigración e as liberdades relixiosa e sexual, que se converten no eixo principal das historias seleccionadas para este penúltimo ciclo da primeira tempada.

Ademais das proxeccións, o programa inclúe espazos de diálogo con profesionais de referencia da comarca de Lemos, co obxectivo de xerar debate arredor dos temas tratados nas películas.

A programación arranca o venres 8 de maio ás 20:00 horas coa proxección de “Frontera”, un thriller de corte western dirixido por Michael Berry e protagonizado por Michael Peña, Eva Longoria e Ed Harris. A película aborda un crime na fronteira entre México e Estados Unidos que desencadea unha investigación marcada polas tensións fronteirizas e migratorias.

O ciclo continúa o sábado 16 de maio cun coloquio arredor do documental “O Son da Serra. Cando O Courel derramou bágoas de cinsa”, de Emilio Romanos e Némesis Audiovisual. Neste caso, a sesión estará acompañada dun espazo de reflexión coa presenza de profesionais vinculados ao proxecto. Ademais, o venres 15 de maio a produtora presentará o documental nos Multicines Hollywood ás 20:00 horas, polo que non haberá proxección ese día no Ateneo.

O xoves 22 de maio ás 20:00 horas proxectarase “Contra la pared” (2004), drama dirixido por Fatih Akin que narra a historia de dous mozos de orixe turca en Alemaña que se coñecen tras un intento de suicidio e establecen un matrimonio de conveniencia para liberarse das súas situacións persoais e familiares. O filme foi recoñecido co Oso de Ouro no Festival de Berlín e co Goya á Mellor Película Europea.

Pechará o ciclo o 29 de maio ás 20:00 horas a proxección de “Stonewall”, drama baseado en feitos reais dirixido por Roland Emmerich. A película recrea os disturbios ocorridos en 1969 no bar Stonewall Inn de Nova York, considerados un punto de partida no movemento polos dereitos do colectivo homosexual.

Desde a organización lembran que todas as proxeccións e actividades son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo. O ciclo conta coa colaboración do Festival Fancine de Lemos e do Colectivo Nordés.

0.094500064849854