O Ciclo de Teatro Afeccionado da Deputación de Lugo leva catro montaxes a Monforte, O Saviñao, Quiroga, Bóveda e Chantada

RibeiraSacraXa
Entre o 6 e o 8 de novembro, cinco grupos de teatro afeccionado representarán pezas de distintos xéneros, desde o suspense ata a comedia, nestes cinco concellos lucenses
Teatro Afeccionado Lugo
3 Nov 2026

O Ciclo de Teatro Afeccionado impulsado desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo continúa o seu percorrido pola provincia con novas funcións programadas entre o 6 e o 8 de novembro. Nesta ocasión, a iniciativa chega aos concellos de Monforte de Lemos, O Saviñao, Quiroga, Bóveda e Chantada, onde distintos grupos de teatro afeccionado subirán ao escenario montaxes de xéneros moi variados.

A programación arrincará o venres 6 de novembro en Monforte de Lemos, onde a compañía Argalleiras Teatro representará, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura, a obra ‘A Rateira’. Trátase dunha peza recomendada para maiores de 10 anos que presenta unha trama de suspense: un sarxento de policía chega a un hotel illado pola neve para avisar de que un asasino se dirixe cara alí coa intención de atacar aos seus hóspedes. Aínda que nun primeiro momento ninguén dá credibilidade ao seu aviso, o asasinato dunha das persoas aloxadas desata a alarma xeral, e a sospeita comeza a recaer sobre os propios protagonistas da historia.

Ao día seguinte, sábado 7 de novembro, a actividade repartirase entre varios concellos. En O Saviñao, o Grupo de Teatro do Hospital levará ao Auditorio Municipal, ás 18.00 horas, a función ‘Paga e Cala’, apta para todos os públicos. A obra narra como un grupo de teatro, en pleno ensaio xeral antes da estrea do seu espectáculo, recibe unha notificación que ameaza con provocar unha grave crise económica. Esta circunstancia pon en risco tanto a función coma o futuro da propia compañía, e dá pé a unha trama marcada por unha chantaxe complicada de resolver, visitas inesperadas e situacións de ton cómico que desembocan nun desenlace inquietante.

Esa mesma tarde e hora, ás 18.00 horas, Quiroga acollerá no seu Auditorio Municipal a representación de ‘Inquisítame outra vez’, a cargo de Lume Escénico, recomendada a partir de 14 anos. A montaxe aborda, desde unha óptica humorística, episodios escuros da historia relacionados coa persecución de quen era considerado diferente, en referencia á caza de meigas en Galicia. A obra combina a ambientación histórica cunha mirada crítica sobre a intolerancia, os prexuízos e os bulos, trasladando esas reflexións a cuestións de actualidade.

Bóveda será outro dos escenarios da xornada do sábado. Ás 19.00 horas, na Casa da Cultura, o grupo Faranduleiros de Bolmente porá en escena ‘O Enredo’, unha función apta para todos os públicos. A historia segue a Arlechino, un personaxe desesperado pola súa mala sorte que recibe dunha meiga a promesa da felicidade completa a cambio de poñer un anel máxico capaz de borrar os seus problemas. A partir de aí, o protagonista verase envolto nunha sucesión de enredos e equívocos que deberá ir resolvendo xunto ao resto de personaxes da trama.

A programación nestes cinco concellos pecharase o domingo 8 de novembro en Chantada, onde o grupo Teatreiras representará, ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal, a obra ‘A revolución, 1789... ou por aí!’, dirixida a todos os públicos. A peza, ambientada na Francia previa á Revolución, presenta a un rei aburrido entre a aristocracia mentres a burguesía e o pobo, fartos dos privilexios da nobreza, deciden unirse para desprazala do poder. O relato avanza amosando como, tras ese cambio, xorden novas tensións entre os distintos sectores sociais, ata a chegada dun xove e ambicioso xeneral, Napoleón, cuxa intervención remata por torcer os plans iniciais de quen solicitou a súa axuda.

Con estas cinco representacións, o Ciclo de Teatro Afeccionado da Deputación de Lugo reafirma a súa aposta por achegar a actividade escénica non profesional a distintos puntos da provincia, dando visibilidade ao traballo dos grupos locais e ofrecendo propostas culturais variadas para público de todas as idades.

0.16990303993225