O CEIP de Monforte de Lemos acolle unha actividade do programa “A Galiña de Mos vai á escola”

RibeiraSacraXa
A iniciativa de Avimós achega ao alumnado o proceso de incubación e as características desta raza autóctona
ceip-monforte-galiña-de-mos
1 May 2026

O CEIP de Monforte de Lemos foi escenario este xoves dunha das sesións formativas do programa “A Galiña de Mos vai á escola”, unha iniciativa impulsada pola asociación de criadores Avimós en colaboración coa área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O proxecto busca achegar aos centros educativos a realidade da raza autóctona Galiña de Mos, explicando ao alumnado o proceso completo de incubación dos ovos, o nacemento dos polos e as principais características desta especie, así como o seu valor gastronómico e a súa crianza tradicional.

A deputada provincial Iria Castro visitou o centro coincidindo co nacemento dunha ducia de polos, tras o período de incubación de tres semanas. Na súa intervención, fixo un chamamento a “consumir produtos locais, alimentos que producen gandeiras e gandeiros no entorno máis próximo, para apoiar o seu traballo e forma de vida”.

Ademais da actividade en Monforte, o programa tamén chegou este xoves a outros centros da provincia, como o CEIP Santo Tomé do Carballo, en Taboada, e o CEIP San Xoán do Requeixo, en Chantada. Ao longo do ano, a iniciativa pasou xa por numerosos colexios de distintos municipios lucenses.

O desenvolvemento do programa inclúe varias fases. O persoal de Avimós instálase nos centros para iniciar o proceso de incubación, que dura 21 días. No día 19, realizan unha segunda visita para axustar os parámetros da incubadora e ensinar ao alumnado a diferenciar, mediante o uso dun ovoscopio, os ovos fértiles dos que non o son. Tras o nacemento dos polos, péchase a actividade cunha charla divulgativa sobre a raza e o seu coidado.

0.11470484733582