O campo municipal do Sangoñedo estrea novo alumeado

O campo de fútbol do Sangoñedo conta desde esta fin de semana cun novo sistema de iluminación despois da actuación impulsada polo Concello de Chantada para renovar o alumeado das instalacións deportivas.
A intervención consistiu na substitución do sistema anterior pola instalación de catro proxectores LED de exterior para alumeado deportivo de 800 vatios e protección IP4000K, situando un foco en cada unha das torres de iluminación. Segundo explica o Concello, estes equipos ofrecen unha potencia lumínica superior á existente ata o de agora, permitindo corrixir o déficit de iluminación que presentaba o terreo de xogo.
O investimento realizado ascende a 14.961 euros e ten como obxectivo mellorar tanto a eficiencia enerxética como as condicións de visibilidade durante os adestramentos e os partidos.
As instalacións do Sangoñedo son empregadas ao longo de todo o ano por máis de dez equipos do municipio, entre eles a SD Chantada, o Atlético Chantada e as escolas deportivas municipais, tanto para a preparación dos encontros como para a disputa de competicións.
Con esta actuación, o Concello de Chantada continúa apostando pola modernización das infraestruturas deportivas municipais, mellorando as condicións de uso dos seus usuarios e promovendo instalacións máis eficientes desde o punto de vista enerxético.