O brindo achegará a improvisación oral en galego ao alumnado do Xeoparque Montañas do Courel

Os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel organizarán nos próximos días diferentes actividades para dar a coñecer o brindo como manifestación da tradición oral das montañas orientais de Lugo. A proposta inclúe obradoiros nos centros educativos dos tres municipios e unha actuación aberta ao público en San Clodio.
A iniciativa parte da regueifa e busca promover o uso oral do galego a través do brindo ou loia, unha modalidade de improvisación cantada propia de territorios como o Courel, O Cebreiro, Os Ancares e Quiroga, vinculada á paisaxe, á memoria oral e á identidade comunitaria.
Os organizadores destacan o potencial desta expresión cultural para achegar o galego á infancia e á mocidade, xa que combina lingua, música, poesía, memoria, creatividade e participación. O brindo caracterízase ademais polo seu carácter lírico e celebrativo e pola súa relación coa festa e coa expresión colectiva.
Os obradoiros estarán dirixidos ao alumnado de Primaria do CEIP de San Clodio, o CEIP de Quiroga e o CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel. As sesións desenvolveranse o 30 de setembro pola mañá, en horario lectivo, e terán unha duración aproximada de 90 minutos.
As actividades serán impartidas por Nuria Penas e Manoele Pardo, profesionais especializados na improvisación oral galega e no brindo. Durante os obradoiros traballaranse aspectos como a expresión oral, o vocabulario, a musicalidade, a creación poética, a escoita e a participación en galego.
Como complemento, o domingo 4 de outubro celebrarase unha actuación de brindo aberta á veciñanza no Salón de Actos da Casa do Concello de San Clodio, ás 19.00 horas. Participarán Nuria Penas, Bieito Lobariñas e a courelá Tegra de TraloCouto.
A proposta pretende dar a coñecer esta forma de poesía oral improvisada e favorecer a súa transmisión entre xeracións, ao tempo que se promove o uso do galego en contextos de creación e participación e se reforza o vínculo da veciñanza co territorio.
As actividades contan cunha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Xuventude para proxectos de normalización lingüística desenvolvidos conxuntamente polos tres concellos. Nas dúas edicións anteriores a organización principal correspondeu a Quiroga, mentres que este ano é Ribas de Sil o municipio encargado de coordinar a iniciativa.