O BNG presenta unha moción para recuperar e reactivar o recinto do Mercado Gandeiro de Monforte

RibeiraSacraXa
Defenden que a proposta busca abrir un debate sobre o futuro do recinto e avanzar cara a un modelo que combine tradición, actividade económica e servizo público
Mercado-Gandeiro-Monforte
22 May 2026

O Grupo Municipal do BNG en Monforte vén de presentar unha moción para impulsar a recuperación e posta en valor do recinto do Mercado Gandeiro, cunha proposta orientada a revitalizar esta zona histórica da cidade e adaptala ás necesidades actuais da actividade económica, comercial e social.

Desde a formación nacionalista lembran que o campo da feira foi durante décadas un dos principais motores económicos e un punto de encontro da comarca, estreitamente vinculado ao rural e ás feiras tradicionais. Porén, sinalan que a desaparición progresiva da actividade gandeira provocou que parte destas instalacións quedasen infrautilizadas ou mesmo en desuso. O BNG considera que esta situación pode converterse nunha oportunidade para recuperar espazos públicos e poñelos de novo ao servizo da veciñanza e da actividade económica local.

Entre as medidas incluídas na moción proponse a elaboración dun plan de recuperación das antigas naves do gando, así como a procura de novos usos vinculados a feiras, mercados, eventos comerciais e actividades relacionadas co rural. Tamén se formula a adaptación destes espazos para mellorar as condicións de uso das persoas feirantes e do público, habilitando zonas cubertas e máis funcionais.

A iniciativa nacionalista aposta tamén por unha reorganización do recinto feiral, coa diferenciación de áreas de venda, circulación, carga e descarga e estacionamento. Xunto a isto, propón a elaboración dunha ordenanza municipal específica que regule as feiras e mercados de Monforte.

A moción recolle ademais a posibilidade de estudar a recuperación dunha feira de gando anual ou periódica, co obxectivo de contribuír á dinamización económica e social do espazo e á posta en valor da tradición feiral da cidade.

“Monforte non pode permitirse ter instalacións públicas infrautilizadas cando existen posibilidades reais de recuperar actividade económica, reforzar o papel do rural e crear espazos máis útiles e atractivos para a veciñanza e para as persoas que participan nas feiras”, sinala o voceiro do Grupo Municipal do BNG, Emilio J. Sánchez.

Pola súa parte, o responsable local do BNG, Manuel Luaces, destaca a medida trátase de “aproveitar o que xa temos, de planificar con visión de futuro e de recuperar unha parte importante da identidade económica e social de Monforte arredor do seu campo da feira”. O BNG defende que esta proposta busca abrir un debate sobre o futuro do recinto e avanzar cara a un modelo que combine tradición, actividade económica e servizo público.

0.12324500083923