O BNG de Monforte denuncia a falta de rega no campo do Luís Bodegas e reclama unha solución urxente

O BNG de Monforte reclama ao Concello unha solución inmediata para os problemas detectados no sistema de rega do campo de fútbol do Luís Bodegas, despois de recibir diversas queixas de familias e usuarios das categorías inferiores que empregan habitualmente a instalación deportiva.
Segundo trasladan dende a formación nacionalista, a situación prolongouse durante meses sen que exista, polo momento, unha solución clara para unha avaría que afecta tanto ao mantemento do céspede como ás condicións nas que se desenvolven os adestramentos e competicións da base.
Os nacionalistas consideran especialmente preocupante que estas deficiencias aparezan nun campo que foi acondicionado hai relativamente pouco tempo. O voceiro municipal do BNG, Emilio J. Sánchez, lamentou que continúe sen resolverse un problema “tan básico” nunha infraestrutura deportiva utilizada a diario por nenos e nenas.
“Resulta difícil entender que unha instalación na que se investiu hai relativamente pouco tempo teña un problema tan básico sen resolver durante meses. Estamos falando dun campo utilizado por categorías inferiores, por nenos e nenas que adestran varias veces á semana e que merecen facelo en condicións dignas”, sinalou.
A formación tamén advertiu das consecuencias que pode ter a ausencia de rega nun contexto de altas temperaturas, tanto para o estado da superficie como para o confort dos deportistas.
“Coas temperaturas que estamos tendo, manter un campo sen rega non só afecta ao estado da superficie, tamén repercute no confort e nas condicións nas que a rapazada practica deporte. O mínimo esixible é que o Concello dea explicacións claras sobre o estado da avaría e actúe con rapidez para solucionala”, indicou Sánchez.
O BNG insiste en que o mantemento das instalacións deportivas debe ser unha prioridade para a administración local e reclama información pública sobre o estado da avaría, os prazos previstos para a reparación e as medidas provisionais que se aplicarán mentres o sistema continúe sen funcionar.
Na mesma liña, Emilio J. Sánchez concluíu que “presumir de instalacións deportivas non chega. Hai que coidalas, mantelas e responder cando aparecen os problemas. As familias e a rapazada merecen solucións e compromiso coa práctica deportiva, non meses de espera diante dunha situación que debería estar resolta”.