O arranxo da estrada de Paradaseca podería superar os 300.000 euros tras un derrubamento

A reparación da estrada que conecta Paradaseca cos núcleos de Paradapiñol, Rugando, Cereixido e Vilarmel podería alcanzar un custo duns 300.000 euros, segundo unha primeira estimación do Concello de Quiroga, que xa advirte de que non pode asumir en solitario este investimento.
A vía quedou cortada ao tráfico na tarde do martes tras producirse un derrubamento que impediu completamente a circulación. Todo apunta a que as intensas treboadas dos últimos días están detrás do incidente, xa que a forza da auga arrastrada desde o monte —afectado polo gran incendio do pasado verán e aínda sen cuberta vexetal— acabou levando por diante boa parte da estrada nun dos cavorcos.
Na mañá deste mércores desprazáronse ata o lugar o alcalde, José Luís Rivera, e o concelleiro de Medio Rural, Luis Manuel Arias, para avaliar a situación. Como medida de urxencia, realizouse unha intervención provisional que permite restablecer o paso e evitar o illamento dos veciños afectados.
O rexedor explicou que xa contactou coa Consellería do Medio Rural para buscar unha solución, xa que o problema non se limita a este punto concreto, senón que se repite en varias zonas polas que descende a auga desde o monte.
Desde o Concello insisten na necesidade de apoio doutras administracións para facer fronte a unha actuación de maior envergadura que garanta a seguridade da vía e evite novos episodios similares.