O alcalde de San Xoán de Río recibe un recoñecemento internacional como líder innovador en Latinoamérica

RibeiraSacraXa
O rexedor participou en tres encontros sobre intelixencia artificial, emprendemento e cooperación universitaria celebrados en Ecuador, onde o Concello ourensán recibiu unha distinción que o sitúa entre un cento de referentes da innovación na rexión
Top100 Líderes Innovadores LATAM Xosé Miguel Pérez Blecua San Xoán de Río
Foto: Concello de San Xoán de Río
23 Nov 2026

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, foi distinguido co recoñecemento 'Top100 Líderes Innovadores LATAM' durante unha viaxe institucional a Ecuador. Este galardón inclúe ao rexedor entre un cento de persoas seleccionadas polo seu labor en materia de innovación no ámbito latinoamericano.

O desprazamento a Ecuador permitiu ao alcalde representar ao concello ourensán en tres citas internacionais centradas na innovación tecnolóxica e na colaboración académica: o 'Ibero IA Summit', o Encontro Internacional 'Innovatec' e 'REALCUP 2026'. Os tres foros abordaron, segundo trasladou o propio consistorio, cuestións relacionadas coa intelixencia artificial, o emprendemento e a cooperación entre universidades.

Desde o goberno local destacan o valor simbólico desta participación, ao entender que supón unha oportunidade para dar visibilidade a San Xoán de Río máis alá das fronteiras galegas. O propio alcalde sinalou que representa "un orgullo" poder trasladar o nome do Concello a estes espazos de debate internacional, salientando a intención de seguir proxectando a localidade como un exemplo de innovación aplicada ao ámbito rural galego.

0.22403001785278