A voz dos alcaldes: José Miguel Pérez Blecua, rexedor de San Xoán de Río

Concelleiro con 20 anos, presidente de dúas asociacións e alcalde desde 2019 con maioría absoluta, o rexedor de San Xoán de Río asegura que o seu maior beneficio é poder vivir no lugar onde é feliz. Nesta entrevista fala da dedicación que esixe o cargo, dos retos dun Concello de menos de mil habitantes e das prioridades de futuro: o coidado das persoas maiores, a mobilidade e a creación de emprego de calidade. Tamén dos proxectos que máis ilusión lle fan e do seu lado máis persoal.
Podería explicarnos un pouco como comezou na política e como se vinculou ao seu partido?
A miña vinculación coa vida pública comezou moi cedo. Con 18 anos fundei a Asociación Xuvenil Río, da que fun presidente, e con 20 anos xa entrei como concelleiro no Concello de San Xoán de Río. Despois de catro anos decidín pechar aquela primeira etapa e non volverme presentar.
Con 30 anos volvín implicarme no asociacionismo, fundando e presidindo a Asociación Cultural Río Mola. Foi esa experiencia, xunto coa miña vinculación co Concello e as ganas de facer cousas pola miña terra, a que me levou, con 33 anos, a dar o paso de presentarme á Alcaldía. En definitiva, a miña traxectoria sempre estivo ligada á participación, ao asociacionismo e ao compromiso con San Xoán de Río.
Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
O paso definitivo chegou no magosto de 2018. Ata ese momento, a Asociación Cultural Río Mola e o Concello organizabamos habitualmente o magosto de maneira conxunta, pero aquel ano o alcade non quixo e acabamos celebrando dous magostos diferentes: un organizado polo Concello e outro pola asociación.
Aquel episodio foi un punto de inflexión. No magosto da asociación, varias persoas comezaron a animarme a dar un paso máis e a formar unha candidatura para as eleccións municipais. Foi algo que xurdiu de maneira bastante natural, a partir da implicación que xa tiñamos na vida social e cultural do Concello. Ao final, decidín asumir o reto e presentarme á Alcaldía en 2019. Conseguimos a maioría absoluta
Que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello a nivel persoal?
Hai dous sacrificios fundamentais. O primeiro é o tempo: ser alcalde significa estar dispoñible as 24 horas do día, os sete días da semana, como se adoita dicir. Os problemas e as necesidades dos veciños non entenden de horarios, e tes que estar aí cando te necesitan.
O segundo é o económico. Eu tiña o meu traballo como enxeñeiro de telecomunicacións, no que cobraba bastante máis do que percibo como alcalde. Ademais, nun Concello de menos de mil habitantes como San Xoán de Río, non se pode ter unha dedicación exclusiva. Por tanto, é unha decisión que implica renuncias tanto persoais como económicas.
E beneficios?
O maior beneficio é que son feliz en San Xoán de Río. É a primeira vez na miña vida que podo vivir aquí e, ademais, teño a oportunidade de traballar para mellorar o lugar no que vivo.
Cando algo sae ben e sabes que beneficia á comunidade, cando un veciño che dá as grazas ou simplemente che dedica un sorriso, todo o esforzo paga a pena. Son pequenos xestos que teñen un valor enorme.
Ao final, hai cousas moito máis importantes que o diñeiro. Para min, poder vivir na miña terra, contribuír a mellorala e sentir que o meu traballo ten un impacto positivo na vida das persoas é unha satisfacción que non se pode medir economicamente.
Como equilibra a vida pública e a privada?
É moi complicado, porque non hai un horario no que es alcalde e outro no que deixas de selo. Ao final, es alcalde as 24 horas do día, e iso fai que a túa vida sexa practicamente pública. Tiven que renunciar a moitas cousas que antes podía facer con total liberdade e aprender a convivir con esa exposición constante. Ás veces é difícil separar a vida persoal da responsabilidade pública.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
O meu obxectivo político é moi sinxelo: mellorar a calidade de vida dos meus veciños e xerar actividade económica en San Xoán de Río.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
A nosa principal aposta é a economía dos coidados. Máis da metade da poboación de San Xoán de Río supera os 65 anos, e iso obríganos a pensar en como queremos atender os nosos maiores e garantirlles unha boa calidade de vida. Pero para ofrecer eses coidados necesitamos persoas que os presten, profesionais que poidan vivir e traballar aquí. Por iso estamos apostando pola 'silver economy', a economía vinculada ao envellecemento, como unha oportunidade para xerar actividade económica e emprego.
Ademáis, o noso obxetivo é atraer empresas e crear empregos de calidade, ben remunerados, que permitan que as persoas en idade de traballar poidan desenvolver o seu proxecto de vida en San Xoán de Río.
Cales son as principais liñas do seu programa?
O meu programa é o mesmo que cando me presentei no ano 2019: traballo, honradez, humildade, honestidade e sentido común.
Cales considera que son as principais necesidades do seu municipio?
As principais necesidades de San Xoán de Río son tres: o coidado das persoas maiores, a mobilidade e a creación de actividade económica de calidade, con empregos ben remunerados.
Ten algún/s proxecto/s do que se sinta máis orgulloso?
Se teño que destacar algún que me fai especial ilusión, son os campamentos e as actividades de verán para os nenos e nenas. Cada ano temos máis participantes, e iso é unha enorme satisfacción. Eu mesmo, que non vivín en San Xoán de Río ata que fun alcalde, teño unha vinculación moi especial co Concello grazas aos veráns que pasei aquí e ás actividades que organizaba o Concello naquela época. Por iso sei o importante que pode ser esa experiencia na vida dun neno. Agora queremos que os nenos e nenas que veñen no verán tamén creen ese vínculo co noso pobo, que o queiran e que, cando chegue o momento de decidir onde vivir, poidan contemplar San Xoán de Río como unha opción para desenvolver o seu futuro.
Ademais, hai algo moi importante: se os nenos queren o noso pobo, quererán vir máis a miúdo e pasar máis tempo cos seus avós e avoas. Iso é bo para eles, para as familias e para todo o Concello. Porque crear futuro tamén significa coidar os vínculos entre xeracións.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gustaríame que os veciños visen en min unha persoa próxima, á que poidan acudir cando teñan un problema e coa que poidan contar para intentar solucionalo. Non sempre será posible atopar unha solución a todo, pero si escoitar, implicarse e facer todo o que estea na miña man. E tamén quero ser o alcalde que acompañe os veciños nos seus proxectos, que os anime a poñer en marcha as súas ideas e que lles axude a convertelas en realidade. Creo que esa é unha das funcións máis importantes dun alcalde: estar ao lado da xente e facilitar que as cousas sucedan.
Como é a súa relación coa oposición?
A relación coa oposición é moi boa. A persoa que temos na oposición é educada e respectuosa. Expresa as súas opinións e discrepancias correctamente, algo que considero fundamental na vida política. Pero como non é de San Xoán de Río, nin vive, nin está censado aquí pouco o vexo.
EN CLAVE PERSOAL
Idade
41 anos
Estado civil
Solteiro
Formación
Enxeñeiro Técnico de Telecomunicacións
Profesión
Enxeñeiro en excedencia
Se non tivese o seu posto, que lle gustaría ser?
O traballo no que estou en excedencia con teletraballo para poder vivir en San Xoán de Río
Que quería ser de maior?
Eu o único que quería era vivir en San Xoán de Río, que era o lugar onde era feliz
Que fai para desconectar?
Ir á piscina á Estación de Montaña de Manzaneda
Unha virtude
Ser boa persoa
Un defecto
Son bastante teimudo
Un consello para compartir
Fai o que che faga feliz
Unha afección
O rugby
Un lugar que visitar
O Alto do Cerengo
Unha comida
Churrasco
Unha bebida
Viño do Cachín (Ribeira Sacra)
Unha persoa admirada
A miña avoa paterna
Unha posesión prezada
A casa dos meus avós
Un desexo
Que ninguén teña que emigrar de San Xoán de Río
Algo para esquecer
A morte de varias persoas de San Xoán de Río que me fixeron chegar á alcaldía
Que é o que máis valora nunha persoa?
A lealdade
Un desafío pendente
Reabrir a escola de San Xoán de Río
Onde se ve en cinco anos?
Se tivese que elexir pois vivindo en San Xoán de Río, o lugar onde son feliz