Nogueira de Ramuín chama á veciñanza a unha xuntanza sobre a súa Axenda Urbana

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O encontro, fixado para o vindeiro 17 de setembro, pretende recoller as achegas da veciñanza sobre o futuro do municipio
Axenda Urbana Nogueira de Ramuin
12 Sep 2026

O concello de Nogueira de Ramuín atópase actualmente en fase de elaboración da súa Axenda Urbana, un documento de planificación estratéxica orientado a fixar as liñas de actuación prioritarias en materia de calidade de vida, prestación de servizos, sostibilidade ambiental e oportunidades de desenvolvemento para os vindeiros anos.

Como parte deste proceso de redacción, convocouse unha sesión de participación cidadá aberta a toda a veciñanza interesada en achegar o seu punto de vista sobre as necesidades e prioridades do territorio. O encontro terá lugar o xoves 17 de setembro de 2026, ás 19.00 horas, no Salón Olegario, situado na Estrada a Nogueira, número 14, na localidade de Luíntra.

Xunto á reunión presencial, púxose en marcha unha enquisa accesible mediante un código QR, pensada especialmente para aquelas persoas que non poidan acudir ao acto pero queiran facer chegar igualmente as súas propostas e valoracións.

Dende a organización do proceso insístese en que a implicación da cidadanía resulta fundamental para deseñar un modelo de futuro axustado ás necesidades reais do concello, polo que se anima a toda a poboación a sumarse á iniciativa, xa sexa asistindo á xuntanza ou cubrindo o cuestionario dispoñible.

0.14557003974915