Montederramo comeza as súas festas co concerto de Os do Fuelle e unha noite de música con DJ Pancho

O Concello de Montederramo comeza hoxe as súas festas patronais cunha proposta que combina tradición e ambiente festivo. Ás 20.00 horas terá lugar o concerto de Os do Fuelle, formación referente da música tradicional galega, que ofrecerá un espectáculo pensado para achegar ao público as raíces musicais de Galicia.
Este concerto enmárcase dentro dunha programación festiva que o consistorio quere vincular aos valores de cultura, tradición e identidade, poñendo en valor as raíces do municipio como motivo de encontro veciñal.
A noite continuará co ambiente festivo típico destas datas, dando paso á festa que se prolongará ata a madrugada.
As celebracións non rematan aquí: o vindeiro día 15, a partir das 00.30 horas, será DJ Pancho quen poña a banda sonora a unha nova noite de festa en Montederramo, nunha cita pensada para todos os públicos que queiran gozar do verán festivo no municipio.
Dende o Concello de Montederramo animan a veciños e visitantes a sumarse a estes días de celebración, baixo o lema de que se trata dun "concello para vivir".