Montederramo celebra unha tarde dedicada ao patrimonio oral galego coa proposta escénica ‘Eco nas Lendas’

RibeiraSacraXa
A representación combinará interpretación, narración oral, música electrónica, deseño sonoro e videomapping este venres no Mosteiro de Montederramo
montederramo
8 Oct 2026

O Mosteiro de Montederramo acollerá este venres, 9 de outubro, ás 20.00 horas, unha representación de ‘Eco nas Lendas’, un proxecto escénico contemporáneo que busca recuperar e divulgar o patrimonio oral de Galicia a través dunha proposta que combina diferentes disciplinas artísticas.

Durante a representación, o público poderá achegarse a algunhas das lendas históricas do territorio a través dunha experiencia que mestura interpretación profesional, narración oral, música electrónica en directo, deseño sonoro, iluminación escénica e videomapping.

A iniciativa desenvolverase en cinco concellos galegos, con representacións adaptadas aos diferentes espazos patrimoniais nos que se celebran. No caso de Montederramo, a proposta busca poñer en valor o patrimonio inmaterial galego e achegar ao territorio rural unha produción escénica que combina tradición e recursos artísticos e tecnolóxicos contemporáneos.

‘Eco nas Lendas’ parte da importancia das lendas na memoria colectiva de Galicia, historias que durante séculos foron transmitidas oralmente de xeración en xeración en casas, camiños e aldeas.

O proxecto pretende recuperar esas narracións sen perder a súa esencia, pero achegándoas ao público actual mediante unha posta en escena na que o teatro, a música e os recursos audiovisuais se integran para transformar os espazos patrimoniais en escenarios para estas historias.

A representación de Montederramo ofrecerá así unha nova aproximación ás lendas galegas a través dunha experiencia escénica na que a tradición oral se combina con diferentes linguaxes artísticas contemporáneas.

0.14834117889404