Montederramo abre a convocatoria de axudas á natalidade para 2026 con 1.500 euros por nacemento ou adopción

O Concello de Montederramo publicou a convocatoria de axudas para fomentar a natalidade no municipio durante 2026, dirixida ás familias que tivesen ou adoptasen un fillo ao longo deste ano. O texto completo das bases pode consultarse na sede electrónica municipal.
A axuda consiste nunha achega económica de 1.500 euros por cada nacemento ou adopción, que se aboará de xeito fraccionado en tres pagamentos de 500 euros correspondentes ás anualidades 2026, 2027 e 2028, sempre que se manteñan os requisitos esixidos. Esta subvención é compatible con outras axudas polo mesmo motivo procedentes doutras administracións.
Poderán optar a esta prestación os proxenitores ou adoptantes, xa sexan parellas casadas, parellas de feito ou familias monoparentais, que figuren como titulares no libro de familia onde conste o nacemento ou a adopción. Cando no libro de familia apareza un só proxenitor ou adoptante, este será a persoa beneficiaria. Tamén poderá acceder á axuda o proxenitor ou adoptante que conviva co menor en casos de separación, divorcio ou cando o fillo estea exclusivamente ao seu cargo. Nas adopcións, poderase solicitar mentres o menor teña ata seis anos.
Entre os requisitos figura que polo menos un dos proxenitores ou adoptantes estea empadroado en Montederramo cunha antigüidade mínima dun ano anterior ao nacemento ou á adopción, e que o menor conste empadroado por primeira vez no municipio. Ademais, tanto a persoa beneficiaria como o menor deberán manter a súa residencia efectiva en Montederramo durante os dous anos posteriores á solicitude, é dicir, 2027 e 2028, salvo que circunstancias excepcionais —como necesidades de conciliación familiar, separación dos proxenitores ou un desafiuzamento— obriguen a interromper o empadroamento. De non cumprirse este requisito sen causa xustificada, o Concello poderá reclamar a devolución das cantidades percibidas, cos intereses legais correspondentes.
Tamén se esixe que a unidade familiar estea ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
As solicitudes poderán presentarse de forma electrónica a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral, situado na Praza de Montederramo, 28. Quen xa fose beneficiario en convocatorias anteriores, de 2024 ou 2025, tamén deberá presentar unha solicitude específica para o pagamento da anualidade de 2026, previa comprobación de que segue a cumprir os requisitos.
O prazo para presentar as solicitudes será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.
Entre a documentación requirida inclúense o formulario de solicitude de axuda e o de solicitude de pagamento da anualidade 2026, copia do DNI ou NIE dos proxenitores, certificado de empadroamento colectivo, copia do libro de familia e, de ser o caso, a resolución de adopción ou o convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio. En familias monoparentais deberá acreditarse que o menor está exclusivamente ao seu cargo. Tamén será necesario presentar os certificados de estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, ademais do certificado de IBAN e titularidade da conta bancaria na que se ingresará a axuda.