Monforte saca a exposición pública o proxecto da senda peonil que creará un corredor verde de máis de 4 quilómetros

RibeiraSacraXa
A CHMS abrirá un prazo de 20 días para presentar alegacións antes de licitar unhas obras que poderían comezar entre marzo e abril de 2027
tome-proxecto-senda-peonil
27 Aug 2026

O Concello de Monforte de Lemos inicia o proceso de exposición pública do proxecto de restauración ambiental e construción dunha senda peonil de máis de 4 quilómetros que percorrerá as marxes dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, creando un novo corredor verde urbano na cidade.

O alcalde, José Tomé Roca, anunciou este xoves o avance do procedemento despois de que o proxecto fose aprobado polo Pleno da Corporación Municipal o pasado mes de xuño e remitido posteriormente á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

O organismo de conca acordou continuar coa tramitación administrativa e someter a información pública tanto a documentación relativa ás obras como a relación de bens e dereitos afectados. O período para presentar alegacións e observacións será de 20 días, contados desde o día seguinte á publicación do anuncio no último dos boletíns oficiais nos que debe aparecer, o Boletín Oficial del Estado e o Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

A documentación poderá consultarse na páxina web oficial da CHMS e nas oficinas deste organismo, previa solicitude de cita, así como no taboleiro de anuncios do Concello de Monforte, onde xa está exposta a relación de bens e dereitos afectados.

Unha vez concluído o período de información pública, a Confederación Hidrográfica será a encargada de licitar as obras, coa previsión de que os traballos poidan comezar entre os meses de marzo e abril de 2027, segundo avanzara o alcalde na presentación do proxecto o pasado mes de xuño.

A actuación nace do convenio asinado o 27 de novembro de 2024 entre o alcalde de Monforte e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, para desenvolver unha senda peonil circular urbana ao longo dos tres cursos fluviais.

O investimento total previsto ascende a 6.125.000 euros, unha cantidade que inclúe as expropiacións necesarias, a redacción do proxecto e a execución das obras. O financiamento será asumido nun 80% pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e nun 20% polo Concello de Monforte. En concreto, a CHMS achegará 5.280.000 euros e o Concello 845.000 euros.

O percorrido terá máis de catro quilómetros e estenderase desde a zona do edificio de Correos ata o Fogar de San José, no inicio do Paseo do Malecón. A nova senda permitirá conectar diferentes barrios, parques e espazos da cidade e, ao enlazar co actual paseo do río do Malecón ata o Parque dos Condes, configurará un circuíto de máis de 5 quilómetros.

Tomé cualificou a iniciativa como un “proxecto estratéxico para a cidade” e asegurou que suporá “un antes e un despois na configuración urbana, ambiental e social” de Monforte, ao permitir crear “un auténtico cinto verde arredor de Monforte”.

A intervención contempla tamén a restauración ambiental dos regatos das Malloadas, Penela e Zapardiel, coa recuperación da vexetación de ribeira e a mellora do estado ecolóxico destes espazos.

A nova infraestrutura estará destinada ao paseo e á práctica de actividades como camiñar, correr ou andar en bicicleta, ao tempo que permitirá recuperar e integrar na trama urbana espazos naturais que permaneceron durante décadas pouco accesibles.

“Queremos poñer a natureza no centro de Monforte, achegándoa á cidadanía e converténdoa nun elemento de cohesión urbana, benestar e calidade de vida”, sinalou o alcalde.

0.12782716751099