Monforte reúne centos de persoas na Praza de España para celebrar o XXV Festival de Habaneras

O XXV Festival de Habaneras de Monforte de Lemos converteu na noite deste venres a Praza de España nun gran escenario musical que congregou a centos de persoas. O evento, organizado polo Concello, volveu confirmar o seu arraigamento dentro da programación cultural estival da cidade cun concerto protagonizado por tres prestixiosas formacións corais.
Ao recital asistiu o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, así como polos concelleiros de Cultura, Marina Doutón, de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán.
Nesta edición participaron a Agrupación Coral de Porceyo, procedente de Xixón, o Orfeón Valdeorrés e a Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos. As tres agrupacións ofreceron un repertorio de cinco pezas cada unha, con especial protagonismo das habaneiras, aínda que tamén interpretaron composicións doutros estilos.
A Agrupación Coral de Porceyo, fundada en 1982 e dirixida desde 1998 por Daniel Villar Rodríguez, é unha das formacións corais con maior traxectoria de Asturias. Integrada por 44 voces mixtas, conta cun amplo repertorio de máis de 200 obras e foi distinguida co Premio 'Axuntabense 2022' da Federación de Coros de Asturias polo seu labor na difusión da música coral.
Pola súa banda, o Orfeón Valdeorrés, creado en 1979, leva décadas consolidándose como unha das referencias corais de Galicia. Baixo a dirección de José Ramón Mansilla Álvarez, a agrupación desenvolveu unha intensa actividade artística tanto dentro como fóra de España, actuando en numerosos escenarios europeos e obtendo importantes recoñecementos en certames nacionais.
Completou o cartel a Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos, fundada en 1996 e dirixida por Fernando Sanmartino Pérez. A formación monfortina conta cunha ampla experiencia en actuacións por Galicia, o resto de España e distintos países europeos, ademais dun repertorio que abrangue desde música sacra ata habaneiras e canción popular.
Antes do inicio das actuacións gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas do terremoto rexistrado en Venezuela. O festival concluíu cunha interpretación conxunta das pezas 'Va Pensiero', da ópera 'Nabucco' de Giuseppe Verdi, e da popular galega 'O voso galo, comadre', nun dos momentos máis aplaudidos da noite.
Como peche do acto, o alcalde e a concelleira de Cultura entregaron aos directores das dúas corais convidadas unha réplica da Torre da Homenaxe como recordo da súa participación nesta vixésimo quinta edición dun festival que volveu destacar pola elevada asistencia de público e polo alto nivel musical das actuacións.