Monforte repartirá gafas homologadas para que os menores poidan seguir con seguridade a eclipse solar do 12 de agosto

RibeiraSacraXa
O Concello, en colaboración coa Deputación de Lugo, distribuirá gratuitamente o material entre os nenos e nenas empadroados no municipio nados entre 2011 e 2023
eclipse-solar
11 Jul 2026

O Concello de Monforte de Lemos iniciará este luns, 13 de xullo, a entrega gratuíta de gafas homologadas para a observación da eclipse solar prevista para o vindeiro 12 de agosto. A iniciativa, impulsada en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, está dirixida aos menores empadroados no municipio nados entre os anos 2011 e 2023.

O alcalde, José Tomé, explicou que esta medida busca “protexer aos máis novos na observación deste fenómeno natural e que o fagan con todas as garantías de seguridade”.

As persoas interesadas poderán recoller as gafas no vestíbulo da entrada principal da Casa do Concello, nun punto habilitado para este fin, en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres.

Para retirar o material, os proxenitores deberán presentar o seu DNI e o Libro de Familia, co obxectivo de acreditar a identidade do menor, a súa idade e o parentesco. No caso de que sexan os propios menores quen acudan á recollida, deberán identificarse co seu DNI.

As gafas que se distribuirán cumpren coa norma EN ISO 12312-2:2015 e contan co marcado CE. Ademais, cada unidade irá acompañada dun tríptico informativo con recomendacións para observar a eclipse de forma segura e con consellos relacionados coa saúde durante este fenómeno astronómico.

Entre as recomendacións inclúese non mirar directamente ao Sol sen protección específica, xa que pode provocar danos irreversibles na retina. Tamén se lembra a importancia de empregar unicamente lentes homologadas conforme á norma EN ISO 12312-2:2015 e co correspondente marcado CE, evitando observacións continuadas de máis de 30 segundos. Estas lentes non deben utilizarse en combinación con prismáticos, telescopios, cámaras ou outros instrumentos ópticos.

O folleto informativo tamén desaconsella recorrer a métodos caseiros para observar a eclipse, así como utilizar teléfonos móbiles ou cámaras para fotografar ou gravar o fenómeno. Ademais, recomenda empregar protección solar e adoptar medidas para protexerse da calor durante a observación.

0.10821104049683