O Concello de Monforte de Lemos vén de anunciar un novo reforzo do servizo de xestión da materia orgánica coa instalación de novos colectores marróns con chave destinados especificamente ao sector da hostalería, en zonas da cidade con maior concentración de establecementos.
A medida consiste, polo momento, na colocación de sete colectores de materia orgánica situados nas rúas Hermida Balado con Cardenal, Compañía e Paseo de Lugo. Estes colectores colócanse na vía pública a partir das 20.00 horas todos os días da semana e retíranse pola noite ao remate do servizo de recollida. Cada unidade é compartida por varios locais e só pode abrirse mediante unha chave entregada previamente aos establecementos adheridos.
Segundo explicou o alcalde, José Tomé Roca, o obxectivo da iniciativa é mellorar a eficacia na separación dos residuos orgánicos e avanzar cara a unha cidade máis limpa e sostible. O rexedor agradeceu a implicación do sector hostaleiro e destacou que “a súa colaboración é fundamental para mellorar a separación dos residuos orgánicos e avanzar cara a unha cidade máis limpa e sostible”.
En total, os novos colectores específicos para hostalería repártense en distintos puntos do centro urbano. Na rúa Hermida Balado, na esquina coa rúa Cardenal, instalouse un colector marrón de 800 litros compartido por cinco locais: O Toxo, Katanga, La Polar, Lienzo e Cardenal.
Na rúa Compañía colocáronse catro colectores de 360 litros. O situado no número 9 dá servizo a 24h, Majmel, La casa de los bocadillos e Telepizza. O do número 19 é compartido por Kebab, La Floridita e La Bodega. O do número 29 atende a Bar Cristal, Carollus e Bar Jardín. E o do número 37 dá servizo a Holliday, Mowenpick, Edulis e JM.
No Paseo de Lugo instaláronse dous colectores de 360 litros: un xunto aos colectores soterrados que comparten os bares Tal y cual, La Tertulia, La Bodeguita del Medio e Alameda, e outro na illa de reciclaxe que dá servizo ao bar Soberano.
Ademais, na rúa Hortas entregouse un colector marrón de 360 litros a unha froitería, que o mantén baixo custodia e realiza o seu baleirado diario de luns a sábado.
Durante o mes de xullo desenvolveranse xornadas de seguimento e control en diferentes días da semana e en horario nocturno co obxectivo de recoller incidencias no uso dos novos colectores e resolver dúbidas relacionadas co servizo. O alcalde indicou que a finalidade destas actuacións é garantir o éxito da campaña e valorar a súa posible extensión a outras zonas da cidade.
O sistema de recollida de materia orgánica funciona en Monforte de Lemos de luns a sábado con colectores de quita e pon en distintas zonas do centro, mentres que na zona perimetral os colectores permanecen fixos e pechados con chave.
Segundo explicou o rexedor, a materia orgánica representa unha parte importante dos residuos xerados diariamente, polo que a súa correcta separación permite reducir o volume de lixo convencional e favorecer a súa valorización.
O Concello mantén tamén programas de compostaxe doméstica e voluntariado marrón, aos que a veciñanza pode sumarse a través do teléfono municipal, das oficinas do Concello ou mediante formulario en liña. Ademais, existen composteiros individuais destinados a vivendas illadas con terreo mínimo de 25 metros cadrados, cuxo uso está suxeito a seguimento municipal para garantir o seu correcto funcionamento.