Monforte recoñece o talento escolar no XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino

RibeiraSacraXa
Un total de seis colexios e institutos foron recoñecidos nesta edición
premios-certame-teatro-centros-de-ensino-monforte
28 May 2026

Monforte recoñece o talento escolar no XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino

Un total de seis colexios e institutos foron recoñecidos nesta edición

A Concellería de Cultura do Concello de Monforte celebrou esta tarde o acto de entrega de premios do XXXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino, unha cita xa consolidada na programación educativa e cultural da cidade.

A concelleira de Cultura, Marina Doutón, foi a encargada de presidir o evento, no que participaron seis centros educativos do municipio: os CEIP A Gándara e CEIP Monforte, o Colexio P. Ferroviario e os IES A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey. Todas as representacións tiveron lugar entre os días 7 e 19 de maio na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, sempre en horario de tarde.

Durante o acto, proxectouse un vídeo recompilatorio coas distintas actuacións, que serviu de lembranza do traballo desenvolvido polo alumnado. A continuación, entregáronse agasallos a cada centro: unha copia da gravación da súa obra en formato dixital e diplomas para o alumnado participante, como recoñecemento ao esforzo realizado.

Na súa intervención, Marina Doutón quixo destacar o valor pedagóxico da actividade e a implicación de toda a comunidade educativa. Subliñou ademais o papel formativo destas iniciativas culturais e deixou unha mensaxe clara sobre a importancia das artes escénicas na educación: “O teatro é positivo en todos os sentidos, fomenta o traballo en equipo, a amizade, a oratoria... Por iso é un proxecto educativo que dende o Concello queremos potenciar”.

As obras representadas nesta edición foron “Acabouse a guerra” (CEIP A Gándara), “Esmoleiros” (IES Río Cabe), “A casa” (IES A Pinguela), “A gatipública” (Colexio P. Ferroviario), “O velorio” (IES Daviña Rey) e “Hoxe hai función” (CEIP Monforte).

Dende o Concello valorouse moi positivamente tanto a asistencia de público como o nivel artístico das montaxes, destacando a creatividade dos decorados e o traballo conxunto entre alumnado, profesorado e familias.

Este certame, que conta cunha traxectoria que supera as tres décadas, mantense como unha das iniciativas culturais escolares máis destacadas do municipio. O seu obxectivo principal é fomentar habilidades artísticas e sociais no alumnado, ao tempo que se promove a convivencia, a cooperación e a participación activa nos centros educativos.

0.11688709259033