Monforte recibe a Escoba de Platino 2026 pola súa xestión da limpeza urbana e os residuos

O Concello de Monforte de Lemos vén de ser distinguido coa Escoba de Platino 2026, un dos galardóns máis relevantes a nivel estatal no ámbito da limpeza urbana e da xestión de residuos, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS).
O recoñecemento pon en valor o modelo impulsado polo alcalde, José Tomé Roca, e o seu equipo de goberno, baseado na integración do punto limpo e do centro verde dentro do servizo municipal de recollida de residuos e limpeza viaria. Segundo o Concello, este sistema sitúa a Monforte como referente na xestión ambiental municipal, destacando pola integración de servizos, a dixitalización e a mellora continua.
Esta reorganización, implantada en xuño de 2025, permitiu superar o funcionamento independente destas instalacións e mellorar a coordinación e a trazabilidade na xestión dos residuos.
A Escoba de Platino 2026 é a cuarta desta categoría que recibe o Concello nos últimos seis anos, tras as logradas en 2020, 2022 e 2024. Con anterioridade, o municipio obtivera a Escoba de Prata en 2012 e a de Ouro en 2014.
O rexedor recollerá o premio o vindeiro 10 de xuño en Madrid e destacou que “esta Escoba de Platino supón un recoñecemento ao traballo realizado para modernizar e facer máis eficiente un servizo esencial para a cidadanía. Apostamos por unha xestión integrada, sostible e coordinada, e os resultados demostran que imos polo bo camiño”.
Tamén puxo en valor o impulso á recollida de lixo orgánico iniciado en 2023, no que o Concello foi un dos primeiros da provincia de Lugo en incorporarse, e sinalou que este avance contribúe á mellora global do sistema de residuos.
Neste contexto, o Concello lembra a campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible”, dirixida a fomentar a correcta separación dos residuos orgánicos e o uso da compostaxe, con accións en rúa e centros educativos, así como a entrega gratuíta de composteiros e colectores domésticos.
Os datos achegados polo consistorio reflicten o funcionamento do modelo integrado, con máis de 3.000 entradas no punto limpo e máis de 600.000 quilos de residuos xestionados entre o punto limpo e o centro verde, ademais de actuacións específicas sobre verteduras incontroladas e recollida porta a porta.
O alcalde subliñou que “a integración dos servizos permitiu mellorar a coordinación, optimizar recursos e ofrecer unha resposta máis rápida e eficaz ás necesidades da cidadanía, ao tempo que avanzamos na protección do medio ambiente”.