Monforte reafirma a súa aposta polo turismo de calidade cos distintivos Q para catro espazos turísticos

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu as certificacións da Xunta de Galicia que recoñecen o compromiso do Concello co turismo de calidade e o cumprimento dos requisitos da Marca Q de Calidade Turística. Os distintivos corresponden á Oficina de Información Turística, o Miradoiro do Duque, a Torre da Homenaxe e o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, que contan con esta certificación desde 2024.
As acreditacións, asinadas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e polo director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, certifican o cumprimento dos estándares establecidos polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que avalía aspectos como a atención ás persoas visitantes, a accesibilidade, a seguridade, a sustentabilidade, a información, a organización dos servizos e a mellora continua.
José Tomé destacou que este recoñecemento “vén confirmar que estamos facendo un bo traballo” e que os catro espazos superan con éxito os esixentes criterios de calidade establecidos polo ICTE. O alcalde sinalou que a certificación “dá continuidade ao compromiso adquirido polo Equipo de Goberno nos últimos anos coa mellora permanente da atención aos visitantes e coa consolidación da cidade como un destino turístico de referencia dentro da Ribeira Sacra e de Galicia”.
O rexedor subliñou tamén o valor da Marca Q como “un símbolo de confianza e excelencia” que contribúe a posicionar Monforte como destino turístico de referencia. Neste sentido, destacou que o recoñecemento supón un aval ao traballo desenvolvido para mellorar os servizos turísticos municipais e consolidar a cidade dentro da oferta da Ribeira Sacra e do conxunto de Galicia.
Os catro espazos certificados representan diferentes ámbitos da oferta turística monfortina. A Oficina de Información Turística ofrece atención profesional e información ás persoas visitantes; o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra reforza a súa función como referente do enoturismo e da divulgación da cultura vitivinícola; e o Miradoiro do Duque e a Torre da Homenaxe poñen en valor o patrimonio paisaxístico, histórico e cultural da cidade.
A obtención e o mantemento destas certificacións implica someterse a procesos de avaliación e auditoría e cumprir diferentes estándares de calidade. Para o Concello, este sistema constitúe tanto unha garantía para as persoas visitantes como unha ferramenta para avanzar na mellora continua dos recursos turísticos.
José Tomé puxo en valor, ademais, o traballo desenvolvido polo Equipo de Goberno e polo persoal municipal para manter estes niveis de esixencia e ofrecer un servizo acorde coas expectativas dos turistas. “O recoñecemento non só pon en valor os espazos certificados, senón tamén o esforzo do Equipo de Goberno e do conxunto do persoal para ofrecer un servizo de calidade que satisfaga as expectativas dos turistas”, afirmou.
O alcalde reafirmou a vontade municipal de “seguir mellorando Monforte e ofrecendo a quen nos visita un servizo de calidade e unha experiencia única”. Tamén destacou a aposta por un modelo turístico responsable e sostible, capaz de poñer en valor o patrimonio, a cultura, a paisaxe e a identidade local e, ao mesmo tempo, contribuír ao desenvolvemento económico da cidade e da Ribeira Sacra.
“A certificación da Marca Q é un paso fundamental para seguir consolidando a Monforte de Lemos como un destino turístico responsable, accesible e de calidade, capaz de atraer a un número crecente de turistas”, concluíu.