Monforte presenta un novo servizo de transporte gratuíto para a veciñanza do rural

RibeiraSacraXa
Permitirá a conexión diaria das 26 parroquias rurais de Monforte co centro urbano
tome-novo-proxecto-mobilidade-monforte
José Tomé presenta un novo proxecto de mobilidade en Monforte de Lemos
23 Apr 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe a licitación dun novo servizo de transporte público de viaxeiros destinado á poboación do rural do Concello de Monforte.

Segundo explicou, “a posta en marcha deste servizo é un pilar fundamental para mellorar a calidade de vida da poboación rural que, en moitas ocasións, xa sexa pola idade, por dificultades para desprazarse ou pola falta de medios, non pode acceder ao centro urbano para realizar xestións ou compras necesarias na vida cotiá”.

Este novo servizo, que se prestará mediante un autobús, permitirá que os veciños e veciñas do rural se despracen con facilidade á cidade, contribuíndo á loita contra o despoboamento e facilitando a vida da poboación máis vulnerable e con maiores dificultades de mobilidade.

O alcalde destacou a importancia desta iniciativa para a sociedade monfortina. “Cumprimos un compromiso de dotar ás parroquias de Monforte dun servizo de transporte público accesible, novo, moderno, adaptado e gratuíto, que trata a todo o mundo por igual. Deste xeito, cumprimos coa nosa palabra.” Engadiu tamén que, para o Equipo de Goberno, o transporte público forma parte esencial da política social municipal.

Un servizo adaptado, moderno e inclusivo

Segundo explicou o rexedor, o novo autobús rural será un servizo moderno, accesible e adaptado, pensado para dar resposta ás necesidades de todas as persoas, incluídas aquelas con mobilidade reducida ou algún tipo de discapacidade. O vehículo disporá, como mínimo, dunha praza para persoas con mobilidade reducida válida para cadeiras de rodas, estará equipado cunha plataforma ou rampla de acceso e contará cunha porta dianteira de dobre folla para facilitar o acceso.

“Cremos que este autobús cumprirá unha función social e, ó mesmo tempo, axudará a fomentar e concienciar sobre o uso do transporte público, facendo de Monforte unha cidade pioneira neste ámbito”, sinalou Tomé.

Contrato, investimento e prazos

O contrato do servizo ten un valor estimado de algo máis de 1.100.000 euros e unha duración de 10 anos. A maior parte da inversión inicial, 323.787,80 euros (IVE incluído), destinarase á posta en marcha do servizo e á compra do autobús, e deberá executarse nos tres meses posteriores á sinatura do contrato.

As anualidades aboaranse de forma mensual ao longo da duración do contrato. No primeiro ano, a anualidade será de 72.516,70 euros e no décimo, de 87.345,13 euros, sumando un total de 1.123.276,16 euros en dez anos.

Unha vantaxe importante é que, unha vez finalizado o contrato, o autobús pasará a ser propiedade do Concello. Isto permitirá reducir os custos nun futuro contrato, ao non ser necesaria unha nova adquisición do vehículo, dado que a súa vida útil é superior aos 10 anos.

Características do novo autobús rural

O servizo comezará cun autobús novo da marca Mercedes Sprinter 519 City Line, que conta coas seguintes características:

  • 0 prazas sentadas
  • 1 praza para persoas con mobilidade reducida
  • Plataforma ou rampla de acceso e porta de servizo de dobre folla
  • Máquina rexistradora para control de viaxeiros
  • Pantalla informativa con rutas, horarios e mensaxes do Concello
  • Información sonora de próxima parada, útil especialmente para persoas invidentes
  • Xeolocalizador GPS para seguimento en tempo real

En caso de avaría, a empresa concesionaria contará cun vehículo de substitución para garantir a continuidade do servizo. O autobús estará rotulado coas cores corporativas do Concello e en cor vermella, como o primeiro bus que tivo Monforte.
Horarios e rutas

O servizo funcionará de luns a venres laborables, de 8:00 a 15:00 horas. Cada día realizarase unha das seguintes rutas, con traxectos de ida e volta:

  • 1ª RUTA: Rozavales, Vilamarín, Caneda, Santa Mariña, RENFE, Estación de Autobuses, Hospital, Parque dos Condes
  • 2ª RUTA: A Penela, Nocedas, Gullade, Marcelle, Guntín, RENFE, Estación de Autobuses, Hospital, Parque dos Condes
  • 3ª RUTA: Distriz, A Vide, Moreda, San Xoán de Tor, San Xulián de Tor, RENFE, Estación de Autobuses, Hospital, Parque dos Condes
  • 4ª RUTA: Fiolleda, Baamorto, Chao do Fabeiro, Seoane, RENFE, Estación de Autobuses, Hospital, Parque dos Condes
  • 5ª RUTA: Sindrán, Bascós, Chavaga, Reigada, RENFE, Estación de Autobuses, Hospital, Parque dos Condes
  • 5ª RUTA Bis: Valverde, A Parte, RENFE, Estación de Autobuses, Hospital, Parque dos Condes

O día da Ruta 5, despois do percorrido polas parroquias principais, farase a ruta adicional ás parroquias de Valverde e A Parte (Ruta 5 bis). Os traxectos de volta realizaranse en sentido inverso ao da ida.

Un servizo pioneiro e social

Para rematar, o Alcalde asegurou estar  “convencido de que a posta en marcha deste autobús municipal cumprirá un importante fin social e axudará a concienciar sobre o uso do transporte público. Monforte será unha cidade pioneira ao ofrecer transporte público gratuíto no rural, algo que, que saibamos, non está a funcionar noutros lugares na actualidade”.

O Concello espera que todos os veciños e veciñas desfruten deste novo servizo e que lles resulte útil, cómodo e eficaz.

⚙ Configurar cookies
0.15595316886902