Monforte presenta un novo obradoiro de emprego que permitirá a creación de 24 postos de traballo

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou a posta en marcha do obradoiro dual de emprego “A Pinguela III”, unha iniciativa que permitirá a creación de 24 postos de traballo durante nove meses. O proxecto, promovido polo Concello de Monforte e concedido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, conta cun orzamento de 526.576 euros e desenvolverase a partir do 1 de xuño de 2026.
O obradoiro estará integrado por 20 alumnos e alumnas, un director ou directora, dous monitores ou monitoras e un auxiliar administrativo. Ademais da formación e do contrato laboral durante a súa duración, o programa inclúe incentivos á contratación posterior en empresas por un período mínimo de tres meses.
Durante a presentación desta iniciativa, alcalde quixo animar a todas as persoas interesadas “a acudir á Oficina de Emprego e solicitar unha praza para formarse e adquirir cualificación profesional en sectores que hoxe están moi demandados facilitando, polo tanto, a súa inserción laboral a través da contratación en empresas ou o autoemprego”.
O obradoiro desenvolverase en dous módulos: ‘Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble. Traballos de carpintería e moble’, con capacidade para 10 alumnos, e ‘Pavimentos e albanelería de urbanización’, tamén dirixido a un total de 10 alumnos.
Entre as actuacións programadas inclúese o acondicionamento das instalacións da Escola Obradoiro A Pinguela, dando continuidade a intervencións iniciadas en edicións anteriores co obxectivo de mellorar e poñer en valor este equipamento municipal destinado á formación e á inserción laboral.
Tamén se levarán a cabo traballos de restauración en zonas afectadas polos incendios forestais de 2025, concretamente nos locais sociais de Moreda e Seoane, co obxectivo de mellorar o seu estado de conservación e funcionalidade, así como a súa integración no contorno.
O proxecto contempla ademais actuacións en mobiliario urbano municipal en mal estado, co fin de garantir a súa conservación e integralas como parte do proceso formativo do alumnado.
A iniciativa está financiada con fondos finalistas do Servizo Público de Emprego Estatal transferidos á Xunta de Galicia e con achegas propias do Concello de Monforte.