Monforte presenta a oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra con 27 adegas e ampla programación

RibeiraSacraXa
O evento celebrarase do 3 ao 5 de xullo de 2026 no Paseo do Malecón con música, gastronomía, catas, actividades familiares e novidades sostibles
Presentacion-Festival-do-Viño-monforte-2026
30 May 2026

Monforte de Lemos volverá converterse no gran punto de encontro da Ribeira Sacra co viño como protagonista. O Concello presentou este sábado a oitava edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo de 2026 no Paseo do Malecón.

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, destacou durante a presentación que se trata dun evento xa consolidado como unha das principais citas de promoción do viño e do territorio, no que participan directamente as adegas da denominación de orixe e no que conflúen cultura, gastronomía, música e turismo.

Nesta edición estarán presentes 27 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que achegarán ao público a diversidade e a calidade dos viños da zona. O rexedor puxo en valor o papel do sector vitivinícola e agradeceu a implicación das adegas, ás que cualificou como “auténticas protagonistas do festival”.

O evento manterá o Paseo do Malecón como espazo central, á beira do río Cabe, un enclave que permite combinar a degustación de viños cun entorno natural pensado para o lecer e a convivencia.

Un festival que crece e incorpora novidades

O cartel desta edición reflicte, segundo explicou o Concello, a esencia da Ribeira Sacra: unha paisaxe marcada polos vales, os ríos e os socalcos, pero tamén polas persoas que manteñen viva a súa tradición vitivinícola. Como novidade, incorporase un código QR que permitirá consultar toda a programación dun xeito directo.

O recinto do festival seguirá apostando por unha montaxe sostible e funcional, con materiais naturais, zonas de sombra, espazos informativos e melloras pensadas para a comodidade do público. Tamén se manterá o sistema de pago mediante tokens e instalarase unha exposición retrospectiva cos carteis de todas as edicións anteriores.

Viño, gastronomía e música como eixos do programa

A oferta gastronómica estará formada por unha ducia de propostas centradas en produtos de proximidade, mentres que a música volverá ter un papel destacado coa presenza de grupos como A Roda ou Galifunk, xunto coa inauguración a cargo de formacións de música tradicional.

O festival tamén reforza o seu carácter formativo cun programa de catas e actividades divulgativas, nas que participarán sumilleres e especialistas. Entre as propostas máis destacadas figura unha masterclass impartida por Jonas Tofterup, Master of Wine, centrada na influencia dos solos de xisto na elaboración dos viños.

Actividades para todos os públicos

A programación complétase con espazos infantís, obradoiros e espectáculos, así como coas tradicionais ViñoRutas polo territorio, que permitirán coñecer de primeira man o traballo das adegas e a paisaxe da Ribeira Sacra a través de rutas fluviais e visitas guiadas.

Ademais, como novidade, o festival incorporará unha iniciativa solidaria mediante a venda de pulseiras cuxa recadación se destinará a unha entidade social de Monforte.

O Concello subliña que o obxectivo é consolidar o festival como un gran escaparate da Ribeira Sacra e seguir impulsando a economía local a través do viño, a hostalería e o turismo.

PROGRAMA

0.13250207901001