Monforte pon en marcha a novena edición do Programa Activa con 741 prazas para o envellecemento activo

O Concello de Monforte de Lemos presentou a novena edición do Programa Activa, unha iniciativa que dende 2016 busca favorecer o envellecemento activo, a autonomía persoal e a participación social das persoas maiores do municipio. Esta edición correspóndese coa novena, aínda que por orde cronolóxica debería ser a décima, xa que o programa quedou suspendido no seu momento a causa da pandemia da COVID-19.
Trátase dun programa xa consolidado e cunha demanda crecente por parte da cidadanía, que ao longo dos anos foi ampliando tanto a súa oferta de actividades coma o número de prazas dispoñibles. Dende a organización sinálase que vai máis alá dunha simple programación de actividades, xa que funciona tamén como unha ferramenta para xerar comunidade, crear vínculos e previr a soidade non desexada e o illamento social, aspectos que poden repercutir negativamente no benestar das persoas.
O programa ten un marcado carácter interxeracional, co obxectivo de favorecer a convivencia entre persoas maiores e mozos e mozas. Aínda que a maioría das actividades están pensadas para persoas maiores de 55 anos, algunhas modalidades están abertas tamén a poboación máis nova. Como novidade nesta edición, a idade mínima de acceso ás actividades interxeracionais redúcese dos 16 aos 14 anos, co fin de facilitar a incorporación da mocidade.
741 prazas para o curso 2026-2027
Nesta nova edición, correspondente ao período 2026-2027, o programa ofertará un total de 741 prazas, das que 714 serán ordinarias e 27 adicionais. Estas últimas están reservadas para persoas usuarias dos Servizos Sociais municipais, segundo a valoración realizada polos profesionais e os seus correspondentes plans de intervención, como parte das medidas de acción positiva orientadas a facilitar a participación de persoas en situación de maior vulnerabilidade social. Tamén se manteñen prazas reservadas para persoas con discapacidade.
Como principal novidade, incorpórase a actividade CuidArte, orientada a traballar o benestar físico, emocional e social das persoas maiores, especialmente daquelas que á súa vez asumen labores de coidado doutras persoas. Esta actividade busca fomentar o autocoidado e a autoestima, ofrecendo ferramentas para o día a día e lembrando que coidar das demais persoas tamén implica aprender a coidarse a un mesmo. A súa incorporación suma 10 novas prazas á oferta do Centro Cívico-Social respecto da edición anterior, que sumadas ás 27 prazas adicionais supoñen un incremento global de 37 prazas máis dispoñibles.
Programación no Centro Cívico-Social
No Centro Cívico-Social ofértanse un total de 446 prazas repartidas en 27 grupos. Para persoas a partir de 55 anos inclúense actividades como ximnasia de mantemento, taichi, ioga, ximnasia acuática, un obradoiro de memoria, CuidArte, competencias dixitais (con tres niveis: iniciación, intermedio e avanzado) e informática básica.
Entre as actividades interxeracionais, dirixidas a persoas a partir de 14 anos, atópanse cerámica, manualidades, costura (en nivel básico e creativo) e baile, tanto de salón coma latino.
Presenza nas parroquias
O programa ten tamén unha dimensión territorial, xa que non se limita ao núcleo urbano e chega ás parroquias en función da demanda existente e das solicitudes trasladadas por representantes veciñais, pedáneos ou asociacións. Para esta oferta estímase unha participación de arredor de 268 prazas, tomando como referencia os datos da edición anterior. Nas parroquias poderán desenvolverse actividades como o obradoiro de memoria, manualidades, costura básica e creativa, ximnasia de mantemento ou bailes de salón e latinos, en función das necesidades de cada zona.
Mantéñense igualmente os obradoiros interxeracionais de Nadal, pensados para reforzar a relación entre avós e netos durante estas datas, como espazo de encontro entre xeracións.
Orzamento de 65.000 euros
Todas as actividades do programa son gratuítas para as persoas participantes, ao estaren financiadas integramente polo Concello de Monforte de Lemos. Nesta edición a partida orzamentaria aumenta en 5.000 euros, ata alcanzar os 65.000 euros, co obxectivo de atender a crecente demanda que rexistra o programa cada ano.
Calendario e inscricións
As actividades desenvolveranse durante nove meses, dende o 19 de outubro de 2026 ata o 11 de xuño de 2027. O prazo ordinario de inscrición estará aberto do 16 ao 30 de setembro de 2026, ambos incluídos. As solicitudes deberán presentarse mediante o formulario correspondente no Rexistro dos Servizos Sociais, no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica do Concello de Monforte.
Con carácter xeral, cada persoa poderá participar nunha única actividade no Centro Cívico-Social, co fin de facilitar unha distribución máis equilibrada das prazas e permitir o acceso ao maior número posible de persoas. Quen quede inicialmente en lista de agarda e obteña posteriormente praza noutra actividade durante o período extraordinario pasará a participar na nova actividade, deixando de formar parte da lista de agarda anterior. No caso de que o número de solicitudes supere o de prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase mediante sorteo público.