Monforte participa nunha candidatura europea para impulsar o enoturismo e a fixación de poboación no interior

O Concello de Monforte de Lemos traballa xunto ao Eixo Atlántico, o Concello do Barco de Valdeorras e institucións universitarias de Galicia e Portugal nunha candidatura a un programa europeo centrado no desenvolvemento territorial sostible.
O alcalde monfortino, José Tomé, participou este martes nun encontro celebrado nas oficinas do Eixo Atlántico en Vigo para avanzar nesta proposta, na que colaboran tamén a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.
Na reunión estiveron presentes o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, as profesoras Montserrat Cruz e Carmen Pardo, representantes das dúas institucións académicas; así como persoal técnico da entidade transfronteiriza.
A iniciativa busca deseñar unha estratexia conxunta arredor de varios ámbitos vinculados ao desenvolvemento do interior, entre eles o enoturismo, o crecemento económico, o cambio climático, a prevención de incendios forestais e a fixación de poboación.
José Tomé destacou a necesidade de “manter vivo o interior” mediante políticas que favorezan a actividade económica e as oportunidades laborais. O rexedor subliñou que Monforte, pola súa situación “no corazón da Ribeira Sacra”, conta cun importante potencial ligado ao turismo do viño. “No noso caso, estando situados no corazón da Ribeira Sacra, o enoturismo ten moito que aportar xa que é unha actividade capaz de xerar actividade en bodegas, aloxamentos, restaurantes, comercio e servizos”, afirmou.
O alcalde engadiu que este tipo de iniciativas “axuda a fixar poboación porque cando hai oportunidades e calidade de vida, a xente queda, tal e como está ocorrendo nos últimos anos en Monforte, grazas ás políticas de investimento e de desenvolvemento sostible”.
Na mesma liña, Tomé incidiu en que “un territorio habitado e traballado é un territorio coidado”, algo que, ao seu xuízo, contribúe tamén a reforzar o patrimonio natural e cultural.
Pola súa banda, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, sinalou que “esta candidatura baséase na idea de que, cando as cousas están coidadas e se abren novas oportunidades, sempre é bo para o territorio".
A Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo asumirán unha parte técnica relevante do proxecto, apoiándose na experiencia acumulada noutras iniciativas relacionadas coa prevención de incendios, o turismo policéntrico e a valorización turística en municipios de Galicia e do norte de Portugal.
José Tomé concluíu asegurando que “se a Unión Europea concede este proxecto, estableceranse novas sinerxias que diversificarán actividades potenciadoras das posibilidades dos territorios do interior”.