Monforte licita as obras de mellora das rúas Calvo Sotelo, Montepando-Bouza Brey e Ribasaltas por 368.000 euros

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, vén de anunciar a licitación de tres novos proxectos de mellora da pavimentación nas rúas Calvo Sotelo, Montepando-Bouza Brey e na parroquia de Ribasaltas, por un importe conxunto de 368.000 euros. As actuacións forman parte do plan de investimentos en infraestruturas viarias presentado polo rexedor este mes de maio, que contempla unha decena de intervencións no centro urbano e na zona rural, cun orzamento global de 1.059.733,23 euros.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este luns, 18 de maio, a estas tres novas licitacións, que se suman ás xa aprobadas a semana pasada para a Avenida de Galicia–Rúa Chantada e a Rúa Vigo, actualmente en proceso de presentación de ofertas. Segundo informou o Concello, os novos contratos publicaranse na Plataforma de Contratación Pública este martes e o prazo de presentación de ofertas finalizará o 15 de xuño. O prazo de execución previsto para cada unha das obras é dun mes.
A intervención na rúa Calvo Sotelo conta cun orzamento de 182.735,41 euros e abrangue un tramo de 905 metros entre o cruce coa rúa Roberto Baamonde e a Praza da Estación, cunha superficie total de actuación de 8.895 m². O proxecto inclúe o fresado do firme, a reparación de afundimentos e a renovación da sinalización. A actuación abrangue unha das principais vías de conexión do barrio da Estación co centro urbano e coa saída cara á N-120 en dirección Castro Caldelas, Ponferrada e Ourense.
O alcalde explica que, unha vez rematada a intervención, “procederase á nova sinalización, completando o arranxo de todas as rúas que comunican o barrio da Estación con calquera outra zona da cidade”. Ademais, destacou que “é a primeira vez que o barrio da Estación ten case todas as rúas arranxadas”.
No caso de Montepando-Bouza Brey, o investimento previsto ascende a 73.995,83 euros e contempla a rexeneración de 1.200 metros de firme, cunha superficie total de 4.820 m². A actuación afecta a unha pista que, segundo explicou o alcalde, “na práctica son 3, que comeza xunto ao paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure e discorre en forma de Z ata chegar á rúa Reboredo, xunto ao paso a nivel do Reboredo”. O proxecto inclúe traballos de rebaixe e recheo con zahorra, colocación de aglomerado en quente, recalce de tapas de arquetas e pintado de marcas viarias. Segundo o Concello, a intervención permitirá mellorar tamén o acceso a vivendas illadas da zona.
Na parroquia de Ribasaltas actuarase sobre as pistas situadas na marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo, cun investimento de 111.231,98 euros. As obras abranguen a mellora de vías municipais cunha lonxitude total de 1.790 metros e unha superficie de 6.536 m². O proxecto inclúe a rexeneración do firme, melloras de accesos e a creación dunha zona verde con arborado, céspede e mobiliario urbano nunha parcela municipal colindante. Tamén se prevé o ensanche dun acceso central ata os 6 metros e a instalación de sinalización viaria, incluíndo sinais de STOP nos cruces.
O plan global de máis dun millón de euros completarase nas próximas semanas coa contratación de actuacións na rúa Pintor Luis Seoane e en vías de Piñeira, Marcelle e San Julián de Tor. Segundo o Concello, o obxectivo é que todas as obras estean executadas a finais de 2026.
José Tomé enmarcou este programa no compromiso municipal coa mellora viaria, asegurando que “vai permitir seguir mellorando tanto as parroquias como rúas e barrios da cidade, reforzando a seguridade viaria e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.