Monforte licita a mellora viaria no Polígono do Reboredo cun investimento de 150.000 euros

RibeiraSacraXa
A actuación afectará ás rúas 1 e 2 do parque empresarial e forma parte das iniciativas previstas para impulsar o desenvolvemento industrial do municipio
Polígono-Industrial-do-Reboredo-Monforte
20 Jun 2026

O Concello de Monforte iniciou o proceso de licitación das obras de mellora das infraestruturas viarias no Polígono Industrial do Reboredo, unha actuación que se desenvolverá nun tramo da rúa 1 e na totalidade da rúa 2, abranguendo unha superficie total de 7.492 metros cadrados.

O procedemento de contratación quedou aberto tras a publicación do anuncio na Plataforma de Contratación do Sector Público, establecéndose como prazo límite para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas o día 17 de xullo.

O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 150.000 euros e contempla un prazo de execución dun mes. O alcalde de Monforte, José Tomé, destacou que esta actuación se suma a outras iniciativas estratéxicas previstas no parque empresarial, como a súa ampliación e reordenación, a construción da nova estación depuradora e a mellora integral da rede de saneamento.

Segundo explicou o rexedor, estas actuacións supoñen un novo paso dentro do compromiso do Goberno municipal co desenvolvemento industrial do municipio. Neste sentido, lembrou que durante este mes de xuño o Pleno da corporación aprobou en sesión extraordinaria dous proxectos vinculados ao futuro do parque empresarial.

Por unha banda, deuse luz verde á modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento do Polígono Industrial do Reboredo, unha actuación destinada a actualizar a ordenación deste espazo e permitir a súa ampliación nunha superficie total de 52,91 hectáreas. Doutra banda, aprobouse tamén o proxecto construtivo para a separación e tratamento das augas pluviais, unha medida que permitirá adaptar a rede de saneamento ás actuais esixencias normativas.

Esta actuación forma parte do convenio asinado entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a construción da nova estación depuradora de augas residuais do polígono, unhas obras que actualmente se atopan nun avanzado estado de execución.

José Tomé subliñou que o obxectivo destas iniciativas pasa por crear as condicións necesarias para favorecer a implantación e expansión empresarial no municipio e impulsar así novas oportunidades económicas que tamén contribúan ao incremento da poboación.

No que respecta á mellora viaria, a memoria do proxecto recolle a rexeneración do firme nas rúas 1 e 2, pertencentes á rede viaria municipal e que presentan actualmente un estado deteriorado debido á presenza de fochancas, roturas no pavimento e desniveis.

Os traballos consistirán no fresado do pavimento existente ata unha profundidade de 4 centímetros, acompañado dunha limpeza mecánica da superficie. Posteriormente instalarase unha nova capa de rodadura de aglomerado en quente do mesmo espesor, mantendo a cota actual das vías.

As actuacións tamén incluirán a adaptación de tapas de pozos, arquetas, sumidoiros e outros elementos situados na calzada, ademais do correspondente pintado da sinalización horizontal.

O alcalde lembrou que o Polígono Industrial do Reboredo experimentou importantes melloras durante a última década, entre elas a renovación do viario, a modernización da iluminación pública, a ampliación das redes de saneamento, a creación de novas rúas e zonas de estacionamento e a mellora de distintos espazos públicos.

Segundo explicou, estas actuacións permitiron incrementar a actividade económica no parque empresarial e favoreceron a comercialización da práctica totalidade das parcelas dispoñibles, unha situación que motivou a proposta de ampliación do recinto industrial.

Tomé asegurou que o obxectivo é contar cun parque empresarial moderno e adaptado ás necesidades actuais das empresas, facilitando novas oportunidades de implantación e crecemento industrial. Ademais, destacou a importancia de fortalecer o papel de cidades cabeceira de comarca como Monforte para favorecer tamén a fixación de poboación no conxunto do territorio.

0.1263599395752