Monforte inicia un plan de máis dun millón de euros para renovar o firme de rúas e pistas do municipio

RibeiraSacraXa
O programa inclúe dez proxectos repartidos entre o núcleo urbano e varias parroquias, con actuacións que xa comezaron en distintos puntos do municipio e outras previstas para as próximas semanas
tome-inicio-obras-rua-vigo
Imaxe de arquivo
23 Sep 2026

O Concello de Monforte de Lemos puxo en marcha un amplo programa de mellora da rede viaria que contempla dez proxectos distintos, tanto na zona urbana como en varias parroquias, cun investimento conxunto que supera o millón de euros, en concreto 1.059.733,23 euros.

Este mércores comezaron os traballos de renovación do firme na rúa Vigo, no barrio do Casar, unha actuación que se prolongará durante dúas xornadas e que rematará este xoves. As obras, adxudicadas á empresa Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U. por un importe de 122.734,67 euros, contemplan a renovación do pavimento desde a estrada da Vide ata o propio barrio, ademais da reparación de cortes provocados por traballos previos ou avarías na rede de auga e a renovación da sinalización.

A principios da vindeira semana está previsto que arranquen os traballos de fresado na Avenida de Galicia e na rúa Chantada, dúas das principais vías de comunicación da cidade, xa delimitadas con conos de sinalización. Esta actuación, tamén adxudicada a Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U., afectará ao tramo entre o cruce da rúa Cardeal e a rotonda do Hórreo, cun investimento de 174.279 euros, e incluirá o fresado e renovación integral do pavimento xunto coa nova sinalización horizontal e vertical. De forma complementaria, intervirase tamén nun tramo inicial da rúa Pintor Luis Seoane, desde a estrada de Chantada ata o remate das vivendas da marxe dereita, cun orzamento de 11.214,05 euros, para evitar a entrada de augas pluviais nos edificios.

Para a primeira semana de outubro, entre os días 5 e 9, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, está prevista a intervención na rúa Calvo Sotelo, outra das arterias principais da localidade, que conecta o barrio da Estación co centro urbano e serve ademais como saída cara á N-120 en dirección a Castro Caldelas, Ponferrada e Ourense. Esta obra, adxudicada igualmente a Ovisa por 182.735,41 euros, incluirá o fresado de toda a superficie, a reparación de afundimentos na metade final da vía e a renovación da sinalización, mantendo os redutores de velocidade xa existentes.

O plan contempla así mesmo unha actuación na zona de Montepando-Bouza Brey, onde se acondicionará unha rede de pistas que discorre desde o paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure ata a rúa Reboredo, incluíndo dous ramais que dan servizo a vivendas illadas. Estes traballos, licitados por 73.995,83 euros, foron adxudicados á empresa Extraco.

En canto ao medio rural, en Piñeira xa están en execución as obras na vía que une a estrada de Sober co acceso ao polígono industrial do Reboredo, a cargo da empresa Bascuas, cun orzamento de 177.770,29 euros. A isto súmase a mellora das pistas do lugar coñecido como O Bosque, que conectan coa rúa Reboredo, cun importe de 103.825,63 euros executado por Ovisa. En conxunto, o investimento nesta parroquia supera os 281.000 euros.

En Ribas Altas comezaron os traballos preparatorios para asfaltar a marxe dereita da estrada de Monforte a Lugo, cun orzamento de 104.037,01 euros a cargo de Extraco, completando así a renovación integral desta vía tras a actuación realizada o pasado ano na marxe esquerda.

Pola súa banda, as obras nas parroquias de Marcelle e San Xoán de Tor xa foron completadas pola empresa Opaga 03, cun investimento conxunto de 91.956,37 euros. Estas actuacións incluíron a mellora da pista que une a recta de Marcelle co núcleo da Meda, a renovación das pistas dos Asenxos e do Seixo, e a mellora do firme na pista Eirexe-Outeiro, onde tamén se repararon tramos de muro lindante coa vía.

O plan inclúe ademais outras intervencións menores: a mellora de dous camiños de acceso a Guntín, por 32.394,53 euros; a renovación do pavimento no cruce da rúa Amador López Espinosa coa rúa Ourense, xunto ao edificio da Sareb, por 19.704,64 euros; e a construción dunha pista multiusos nas Cruces, cun orzamento de 48.869,33 euros.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, supervisou este mércores o inicio dos traballos na rúa Vigo e repasou o estado das distintas actuacións incluídas neste plan, presentado a pasada primavera. "Con este investimento seguimos mellorando a rede viaria do noso Concello, tanto nas parroquias como na cidade, reforzando a seguridade viaria e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza", sinalou o rexedor.

O alcalde destacou tamén a continuidade desta política de investimento, lembrando que desde que o seu equipo de goberno chegou ao Concello en 2015 se mantivo un esforzo constante na mellora de rúas e camiños municipais, como parte dunha planificación progresiva e non de actuacións illadas.

0.14937996864319