Monforte inicia mañá as sondaxes previas ao tanque de tormentas do Parque dos Condes

O Concello de Monforte de Lemos deu a coñecer o inicio dos traballos previos necesarios para poder redactar o proxecto construtivo do futuro tanque de tormentas do Parque dos Condes, unha das actuacións centrais da terceira fase do saneamento integral da cidade. Segundo se explicou en rolda de prensa, estas labores consistirán na realización de catro catas no terreo, que comezarán este martes, 15 de setembro, ás 10.00 horas, e prolongaranse ata o vindeiro venres, día 18, executándose unha cata cada xornada.
Para poder levar a cabo estes sondaxes será necesario suprimir de forma temporal o uso da metade traseira do aparcadoiro do Parque dos Condes, na zona próxima ao peche do recinto dos Padres Escolapios. A sinalización e o peche do espazo afectado colocaranse xa esta mesma tarde, a partir das 21.00 horas do luns, e permanecerán ata que rematen os traballos. A área quedará delimitada con valados desde a zona reservada a autobuses ata a esquina da finca do convento escolapio, ademais da correspondente sinalización vertical de obras e de prohibición de acceso e estacionamento. Está previsto que, unha vez finalizadas as sondaxes o venres, o aparcadoiro poida volver a utilizarse con normalidade a partir do sábado 19 de setembro.
Estas catas permitirán coñecer as características do subsolo e recompilar os datos técnicos necesarios para definir con precisión tanto o tanque de tormentas —tamén denominado Sistema de Descarga Unitaria— como o novo interceptor que completará a actuación. Con esta infraestrutura preténdese corrixir os alivios que actualmente se producen no Parque dos Condes, mellorar o funcionamento xeral da rede de saneamento e contribuír á protección ambiental e á mellora da calidade das augas do río Cabe. Así mesmo, búscase dar unha solución definitiva á evacuación das augas pluviais xunto ao número 2 da rúa Compañía e ao inicio da rúa Cardeal, ademais de resolver os problemas de acumulación de auga que se producen ante episodios de choiva intensa nas confluencias das dúas rotondas de Ponte Fontecha e o inicio da rúa Compañía.
Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado en decembro de 2025 entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que contempla unha inversión conxunta de 7,9 millóns de euros —cifra que podería superar os 8 millóns unha vez incluídas as liquidacións—, repartidos en catro anualidades. Dese importe, a Confederación Hidrográfica achega 7.505.000 euros e o Concello, 390.000 euros. Esta terceira fase dá continuidade ás dúas anteriores, cuxa inversión conxunta xa superou os 4 millóns de euros.
En canto aos prazos, prevese que a empresa encargada da redacción entregue o proxecto construtivo á Confederación Hidrográfica antes de que remate o ano. Posteriormente realizaranse os trámites administrativos correspondentes durante a primavera, para proceder despois á súa licitación.
A terceira fase do saneamento integral non se limita ao tanque de tormentas e ao novo interceptor, senón que tamén inclúe actuacións orientadas a seguir eliminando a entrada de augas limpas na rede de saneamento na marxe esquerda do río Cabe.