Monforte inaugurará o venres a nova fonte do Parque dos Condes e a urbanización da Zona D

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou que o vindeiro venres 31 de xullo terá lugar a inauguración da nova fonte do Parque dos Condes e da urbanización da Zona D, denominada Rúa Parque dos Condes, dúas actuacións coas que o Concello culmina a transformación dun dos espazos máis emblemáticos do centro da cidade.
O acto dará comezo ás 22:30 horas coa posta en funcionamento da nova fonte ornamental e contará coa actuación do grupo Gin Toni's. Unha vez rematada a inauguración, tanto a fonte como a nova rúa quedarán abertas ao público para o seu uso e desfrute.
José Tomé destacou que o Goberno local cumpre así o compromiso de rematar ambas actuacións durante o mes de xullo para que a veciñanza poida desfrutalas durante o verán e, especialmente, coincidindo coa celebración das Festas Patronais. O rexedor asegurou que o Parque dos Condes estrea unha imaxe completamente renovada e unha fonte "monumental" que aspira a converterse nun dos grandes atractivos da cidade.
A intervención no Parque dos Condes desenvolveuse sobre unha superficie de 2.850 metros cadrados, renovando integralmente unha das zonas do recinto. O elemento máis destacado é unha nova fonte ornamental circular cun vaso de 25 metros de diámetro, equipada con distintos programas de funcionamento, xogos de auga e iluminación artística, o que permitirá ofrecer diferentes espectáculos visuais tanto de día como de noite.
As obras tamén incluíron a renovación dos pavimentos, a creación de novos paseos en pedra granítica, a instalación de novo mobiliario urbano e a reorganización dos espazos para favorecer o paseo e a estancia. Ademais, máis que se duplicou o número de bancos existentes, pasando de 14 a máis de 30, co obxectivo de crear novas zonas de descanso e contemplación da fonte.
Xunto á reforma do parque, o Concello abrirá tamén a urbanización da Zona D, unha actuación executada nun ámbito de máis de 3.200 metros cadrados entre a rúa Cardeal e o Paseo do Río Cabe. O proxecto permitiu crear un novo vial de comunicación entre ambas zonas, dotándoo de redes de saneamento, abastecemento, alumeado, telecomunicacións e gas, ademais de nova pavimentación, zonas verdes e mobiliario urbano.
Segundo explicou o alcalde, esta actuación elimina un espazo degradado e crea un novo ámbito urbano integrado na cidade, mellorando a conexión peonil e abrindo novas posibilidades de desenvolvemento para esta contorna.
Tomé concluíu sinalando que ambas actuacións supoñen un investimento destinado a mellorar a calidade de vida da veciñanza, embelecer o centro urbano e reforzar o atractivo turístico de Monforte. Tanto o alcalde como o equipo de goberno convidaron á cidadanía a asistir ao acto inaugural e coñecer de primeira man este renovado espazo.