Monforte inaugura o novo aparcadoiro do polígono do Reboredo tras un investimento de máis de 305.000 euros

RibeiraSacraXa
A nova infraestrutura triplica a superficie do antigo estacionamento, ofrece capacidade para 17 camións e 64 turismos e incorpora iluminación LED, videovixilancia e catro prazas con cargadores eléctricos
inauguracion-novo-aparcamento-poligono-reboredo
10 Jul 2026

A nova infraestrutura triplica a superficie do antigo estacionamento, ofrece capacidade para 17 camións e 64 turismos e incorpora iluminación LED, videovixilancia e catro prazas con cargadores eléctricos

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou este venres o novo aparcadoiro do Polígono Industrial do Reboredo, unha infraestrutura que, segundo destacou, “contribuirá, sen dúbida, a mellorar sinaladamente os servizos que oferta a principal área empresarial de Monforte”.

No acto estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e representantes das empresas asentadas no polígono.

O rexedor explicou que a apertura das instalacións foi posible despois de resolver os problemas relacionados coa subministración eléctrica. “Unha vez resoltos os problemas relacionados coa subministración da enerxía eléctrica, podemos proceder á apertura deste novo estacionamento, unhas instalacións modernas, seguras e moi necesarias, dado o importante crecemento que ten experimentado o Polígono nos últimos anos e que seguirá experimentando coa ampliación que impulsamos desde este Equipo de Goberno”, afirmou.

A construción do aparcadoiro supuxo un investimento de 305.250,57 euros, financiado integramente con fondos municipais.

A infraestrutura xa está operativa para o seu uso por parte das empresas, transportistas, traballadores e usuarios do polígono. Unicamente queda pendente a licitación do contrato para a xestión dos puntos de recarga destinados aos vehículos eléctricos.

José Tomé sinalou que a apertura deste espazo “supón un paso máis na folla de ruta de melloras que dende este Equipo de Goberno estamos desenvolvendo no Polígono Industrial do Reboredo, poñendo á disposición das empresas unha infraestrutura coa que melloramos os servizos que ofrece esta área empresarial”.

O novo aparcadoiro ocupa unha superficie de 6.400 metros cadrados, practicamente o triplo da que tiña o antigo estacionamento, e dispón de 17 prazas para camións e 64 para turismos. Entre estas últimas inclúense dúas prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida e catro prazas equipadas con cargadores para vehículos eléctricos.

As prazas para turismos teñen unhas dimensións de 5 por 2,5 metros, mentres que as destinadas a camións son de 17 por 3,5 metros.

A infraestrutura complétase con iluminación pública mediante tecnoloxía LED, un sistema de videovixilancia formado por seis cámaras, zonas verdes con arborado, tres fontes de auga potable, dúas áreas para contedores de residuos sólidos urbanos, ademais das redes de abastecemento, saneamento, drenaxe, electricidade e telecomunicacións.

Unha vez solucionados os problemas de subministración eléctrica, xa funcionan tanto a iluminación como o sistema de videovixilancia. As catro prazas destinadas á recarga de vehículos eléctricos poderán utilizarse como estacionamento ata que se adxudique o contrato para a explotación dos cargadores, aínda que de momento non ofrecerán servizo de recarga.

O alcalde lembrou que esta actuación forma parte das actuacións impulsadas polo goberno local para mellorar as infraestruturas do Polígono Industrial do Reboredo, que cualificou como un dos principais motores económicos de Monforte e da súa comarca. “Cada investimento que realizamos neste espazo contribúe a facelo máis atractivo para a implantación de novas empresas, a consolidar as que xa desenvolven aquí a súa actividade e, en definitiva, a favorecer a creación de riqueza e de emprego”, asegurou.

José Tomé destacou tamén que desde a chegada do seu equipo ao goberno municipal en 2015 se levaron a cabo actuacións sobre o pavimento, as redes de abastecemento e saneamento, o alumeado público, as comunicacións, a depuración de augas residuais, a creación do Viveiro de Empresas e a promoción de solo industrial.

Neste sentido, sinalou que “o Polígono Industrial do Reboredo vive un dos seus mellores momentos, co solo industrial practicamente esgotado e cun importante interese por parte de novas empresas para implantarse en Monforte, ao tempo que seguimos avanzando na súa ampliación e noutras actuacións estratéxicas que permitirán consolidalo como un dos principais polígonos industriais do interior de Galicia”.

O rexedor lembrou tamén que o pasado mes de xuño o pleno municipal aprobou inicialmente a modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento para actualizar a ordenación do polígono e acometer a súa ampliación, un expediente que se atopa actualmente en exposición pública e pendente dos informes sectoriais correspondentes.

“Seguiremos impulsando todas aquelas actuacións que contribúan a mellorar a competitividade do Polígono do Reboredo, porque apostar polo desenvolvemento desta área empresarial é apostar polo futuro económico de Monforte”, concluíu o rexedor.

0.1217679977417