Monforte impulsa a separación da rede de saneamento do Polígono do Reboredo

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou en rolda de prensa o proxecto construtivo para a separación e tratamento das augas pluviais no Polígono Industrial do Reboredo, unha intervención que permitirá completar a rede separativa de saneamento do parque empresarial.
O rexedor estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada. Na súa intervención, anunciou que o equipo de goberno levará esta actuación ao pleno extraordinario do vindeiro luns, 8 de xuño, para a súa aprobación, cun investimento previsto de 913.444 euros.
O proxecto enmárcase no convenio subscrito entre o Concello de Monforte e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do polígono, que se atopa actualmente nun estado avanzado de execución.
Segundo explicou o alcalde, o Plan Director de saneamento e depuración do polígono puxo de manifesto que a rúa número 4 carece dunha rede separativa, polo que as augas pluviais e residuais circulan actualmente pola mesma infraestrutura. Neste sentido, sinalou que “para legalizar o sistema de vertido do polígono e cumprir coa normativa vixente é necesario executar esta actuación adicional, que permitirá separar correctamente as augas pluviais das residuais”.
A intervención inclúe a creación dunha nova rede separativa de pluviais na rúa 4, mantendo a infraestrutura existente para as augas residuais. Ademais, tal e como indicou o rexedor, “permitirá recoller e canalizar as augas pluviais de todo o polígono cara un colector de derivación e un equipo de tratamento de augas pluviais denominado separador hidrodinámico, para posteriormente vertelas ao cauce unha vez tratadas”.
O proxecto tamén contempla a substitución de 12 arquetas, a execución do novo colector de derivación e a instalación do sistema de tratamento de augas pluviais, ademais dunha arqueta de toma de mostras antes da conexión co emisario da EDAR.
O obxectivo final, segundo recolle o proxecto, é “restituír a correcta separación das augas pluviais e residuais do Polígono e evitar o ingreso de augas pluviais na EDAR efectuando sobre elas un pretratamento antes do seu vertido”.
Coa incorporación desta actuación mediante unha addenda ao convenio, o investimento total destinado ao saneamento e depuración do Polígono do Reboredo ascende a 5.638.184,36 euros, fronte aos 4,6 millóns iniciais previstos para a EDAR.
Unha vez aprobada en pleno e completada a tramitación administrativa, será a propia Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a encargada de licitar as obras.
O alcalde enmarcou esta intervención no conxunto de proxectos que o goberno local levará ao pleno, xunto coa senda peonil e a ampliación do polígono, asegurando que “estamos a falar dun investimento global próximo aos 10 millóns de euros, unha cifra que demostra a aposta decidida do nos Equipo de Goberno pola mellora das infraestruturas e pola creación de novas oportunidades de desenvolvemento para Monforte”.