Monforte iluminará o Nadal con 1,2 millóns de luces LED repartidas por 67 rúas da cidade

RibeiraSacraXa
O dispositivo ornamental conta cun orzamento de 57.000 euros e incorpora novidades como unha coroa real luminosa na Praza de España e unha figura en forma de casa no Parque dos Condes
luces-nadal-monforte
28 Nov 2026

Monforte de Lemos xa ten preparado o dispositivo de iluminación de Nadal para as festas de 2026-2027. O alcalde, José Tomé Roca, presentou este sábado o alumeado ornamental, que contará con 1,2 millóns de puntos de luz LED, 265 arcos luminosos distribuídos por 67 rúas e sete estruturas coa mensaxe «Bo Nadal» nas principais entradas á cidade. O investimento municipal ascende a 57.000 euros.

O acendido oficial terá lugar o venres 4 de decembro, ás 18:30 horas, na rúa Cardeal, xunto á gran estrutura cónica que representa a árbore de Nadal e que preside a entrada á zona peonil desde o cruzamento coa avenida de Galicia. Tomé convidou a toda a veciñanza a participar neste acto, co que a cidade dará comezo ás celebracións destas datas.

«É un momento especial, co que damos a benvida ao Nadal na nosa cidade, e queremos que sexa unha celebración compartida por todos os veciños e veciñas», sinalou o rexedor.

Entre as principais novidades desta edición destaca a instalación dunha coroa real luminosa no centro da Praza de España e unha decoración especial no Parque dos Condes. Neste último espazo colocarase unha figura luminosa en forma de casa que permitirá atravesala para acceder á zona da nova fonte, cuxos chorros contan tamén con iluminación propia.

A árbore da rúa Cardeal superará os 20 metros de altura, incluída a estrela que a coroa. A estrutura mantén as dimensións do pasado ano, cando aumentou un metro, xa que as características do espazo impiden incrementar a súa altura sen ampliar tamén a base e dificultar o paso peonil. Nesta mesma rúa, os tradicionais arcos luminosos da zona peonil serán substituídos nesta ocasión por lámpadas colgantes con estrelas.

O dispositivo manterá tamén a iluminación especial da Torre da Homenaxe e incluirá decoración na Casa do Concello, nas árbores da Praza de España e do Campo de San Antonio, así como nas prazas dos Chaos, da Estación e de Abastos. O cedro da Compañía volverá contar coa súa estrela de Nadal.

O alumeado permanecerá acendido todos os días entre as 18:30 e as 02:00 horas e apagarase definitivamente o domingo 10 de xaneiro. As fontes ornamentais funcionarán no mesmo horario que a iluminación.

O alcalde destacou que o obxectivo desta iniciativa é crear ambiente festivo nos distintos barrios e espazos públicos, ademais de atraer visitantes e favorecer a actividade comercial durante a campaña de Nadal. «O noso desexo é que este amplo dispositivo de Nadal sirva para animar aos monfortinos e monfortinas e ás persoas que nos visitan a desfrutar da cidade e facer as súas compras de Nadal no comercio local», afirmou José Tomé.

0.098551988601685