Monforte iluminará de azul a Torre da Homenaxe polo Día Europeo das Vítimas de Crimes de Odio

O Concello de Monforte de Lemos participará este mércores, 22 de xullo, na campaña “A tolerancia apaga o odio 2026”, organizada con motivo do Día Europeo das Vítimas de Crimes de Odio. A iniciativa rende homenaxe ás vítimas do atentado terrorista de Oslo e Utoya, así como a todas as persoas que sufriron delitos motivados pola intolerancia.
Como mostra do seu apoio á campaña, o Concello iluminará de cor azul a Torre da Homenaxe, situada no Conxunto Monumental de San Vicente, durante a noite do 22 de xullo.
Esta acción forma parte dunha iniciativa na que participan cada ano centos de concellos, universidades, entidades sociais e outros organismos, que iluminan de azul edificios e espazos emblemáticos para visibilizar o seu compromiso na loita contra o odio e a intolerancia.
A campaña pretende transmitir unha mensaxe de unidade e convivencia, empregando a iluminación en azul como símbolo para reivindicar a tolerancia fronte aos crimes de odio e lembrar a todas as vítimas da intolerancia criminal.