Monforte estrea a nova fonte monumental do Parque dos Condes e abre unha nova conexión peonil

RibeiraSacraXa
A renovada zona incorpora unha fonte de 25 metros de diámetro con espectáculos de auga e luz, máis zonas verdes, novo mobiliario urbano e a apertura da Rúa Parque dos Condes
nova-fonte-Monforte
1 Aug 2026

A nova fonte monumental do Parque dos Condes xa é unha realidade. Monforte inaugurou na noite deste venres, 31 de xullo, unha das actuacións urbanísticas máis destacadas dos últimos anos na cidade, coa posta en marcha dunha gran fonte ornamental e a apertura ao público da nova Rúa Parque dos Condes, creada tras a urbanización da coñecida como Zona D.

O acto inaugural celebrouse ás 22.30 horas e permitiu aos numerosos veciños asistentes contemplar por primeira vez o funcionamento da nova fonte, que destacou polo espectáculo de chorros de auga e iluminación artística. A instalación dispón de cinco efectos acuáticos diferentes e dun sistema de luces RGBW programable que permite crear distintos espectáculos visuais, incluíndo programacións especiais para datas sinaladas.

A fonte conta cun avanzado sistema de telecontrol e software específico que permite xestionar de forma remota os horarios, os efectos e os distintos programas de funcionamento. Ademais, incorpora un sistema automático de control do vento que reduce a altura dos surtidores cando as condicións meteorolóxicas así o requiren, co obxectivo de optimizar o consumo de auga e evitar a súa dispersión.

A infraestrutura foi construída cun vaso circular único de formigón armado revestido en pedra, cun diámetro de 25 metros e unha profundidade exterior de 75 centímetros. Todo o equipamento está fabricado en aceiro inoxidable e inclúe bombas de distintas potencias segundo os efectos desexados, colectores e tubaxes específicas, sistema de filtración mediante vidro filtrante, dosificación automática de cloro e regulador de pH, control de temperatura, sistema automático de recheo e control de nivel da auga, rebosadeiro, vaciado automático e unha sala técnica soterrada equipada para o mantemento da instalación.

A iluminación está composta por focos RGBW DMX de aceiro inoxidable AISI316 con vidro antivandálico, mentres que o sistema informático permite adaptar o funcionamento da fonte tanto aos períodos de maior afluencia de público como á celebración de eventos especiais.

Tras o acendido da fonte, os asistentes puideron percorrer a renovada contorna do Parque dos Condes e a nova Rúa Parque dos Condes, que quedou aberta ao público desde o mesmo momento da inauguración. A xornada concluíu coa actuación musical do grupo Gin Toni’s.

Durante o acto, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou que a cidade cumpre así o compromiso de rematar as actuacións durante o mes de xullo para que poidan ser desfrutadas durante o verán e especialmente nas Festas Patronais. O rexedor definiu a nova infraestrutura como unha fonte monumental acorde coa relevancia do espazo no que se sitúa e chamada a converterse nun dos principais atractivos urbanos da cidade.

A actuación desenvolvida no Parque dos Condes abrangue unha superficie de 2.850 metros cadrados e supuxo a renovación integral dunha parte do recinto que non experimentaba unha reforma de gran entidade desde había anos. Ademais da fonte, os traballos incluíron a renovación dos pavimentos, a creación de novos paseos en pedra granítica, a reorganización dos espazos para favorecer o paseo e a contemplación da fonte e a instalación de novo mobiliario urbano.

Un dos aspectos máis destacados da intervención foi o incremento das zonas de descanso, xa que o número de bancos pasou dos 14 existentes anteriormente a un total de 35. Tamén se mellorou a iluminación do parque mediante a instalación de novas farolas e ampliouse a superficie axardinada, que pasou de 1.119,05 a 1.149,44 metros cadrados, incorporando ademais novo céspede de tepe para facilitar unha rápida implantación das zonas verdes.

Xunto á reforma do parque inaugurouse tamén a urbanización da Zona D, unha actuación executada nun ámbito superior aos 3.200 metros cadrados situado entre a rúa Cardeal e o Paseo do Río Cabe. A intervención permitiu crear a nova Rúa Parque dos Condes, un vial peonil dotado de saneamento, abastecemento de auga, alumeado público, telecomunicacións, gas, zonas axardinadas e mobiliario urbano.

A nova rúa estará controlada mediante cámaras de vixilancia para evitar a circulación de vehículos e nace coa finalidade de mellorar a conexión peonil entre distintos puntos do centro urbano. A actuación permitiu ademais eliminar unha zona degradada e incorporar un novo espazo plenamente integrado na trama urbana da cidade.

José Tomé asegurou que esta transformación supón “un antes e un despois” para esta contorna de Monforte ao combinar a recuperación dun espazo verde emblemático coa creación dun novo ámbito urbano conectado coa rúa Cardeal, a Compañía e o Paseo do Cabe. O alcalde destacou tamén que se trata dun investimento destinado a mellorar a calidade de vida da veciñanza, embelecer o centro urbano e reforzar o atractivo turístico da cidade.

0.12242388725281