Monforte destina 30.000 euros a apoiar a creación de novas empresas

O Concello de Monforte de Lemos prepara unha nova convocatoria de axudas para impulsar o emprendemento e a creación de empresas no municipio, cunha dotación total de 30.000 euros. A Xunta de Goberno Local aprobou as bases o pasado 21 de setembro.
O prazo para presentar as solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e permanecerá aberto ata o 30 de outubro de 2026. A tramitación poderá realizarse no Rexistro Xeral do Concello ou polos medios previstos na Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As subvencións están destinadas a empresarios e empresarias individuais e pequenas e medianas empresas que iniciaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de setembro de 2026, tomando como referencia a data de alta no IAE.
Cada beneficiario poderá recibir ata 1.500 euros, sen superar o 50% dos gastos realizados durante o período establecido nas bases. A contía poderá incrementarse nun 25% se a persoa beneficiaria é unha muller ou unha persoa con discapacidade.
Entre os requisitos figuran ter o domicilio fiscal e social en Monforte, estar empadroado no municipio no momento de presentar a solicitude e tratarse dunha empresa de nova creación. Ademais, as persoas promotoras deberán atoparse en situación de desemprego cando inicien a actividade e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo.
As axudas están destinadas a cubrir parte dos custos de posta en marcha e funcionamento nos primeiros meses da actividade. Poderán incluír gastos realizados desde dous meses antes do inicio ata a data límite para presentar as solicitudes.
Entre os conceptos subvencionables atópanse os gastos de constitución, como proxectos técnicos e inscrición no Rexistro Mercantil; a adquisición das primeiras mercadorías, materias primas e consumibles; e o aluguer de locais, vehículos industriais, aplicacións ou equipos informáticos cando sexan necesarios para a actividade.
Tamén se contempla o 50% dos gastos de seguros directamente relacionados co negocio, así como determinados custos correntes, entre eles auga, teléfono, electricidade, combustible, material de oficina, asesoría, gas e determinados equipos de seguridade.
O alcalde, José Tomé, sinalou que a convocatoria pretende “colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no noso municipio, apoiando e fomentando a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas empresariais”. O rexedor engadiu que o obxectivo é “facilitar os primeiros pasos dunha nova actividade, favorecer a creación de emprego, fixar poboación e contribuír ao crecemento económico do noso concello”.