Monforte de Lemos terá esta semana un paso peonil provisional nas obras de supresión dos pasos a nivel

RibeiraSacraXa
Unha empresa local executará esta semana a pasarela temporal para facilitar o tránsito da veciñanza mentres se resolven os trámites administrativos que manteñen parados os traballos principais
obras pasos a nivel Monforte
26 Oct 2026

O Concello de Monforte de Lemos anunciou que esta mesma semana comezarán os traballos para habilitar un paso peonil provisional na zona onde se están a executar as obras de supresión dos pasos a nivel das rúas Juan Montes e Padre Feijoo. A actuación busca facilitar o tránsito das persoas entre ambos os dous lados das vías mentres seguen paralizados os traballos principais do proxecto.

A construción desta pasarela temporal foi encargada a unha empresa da localidade e responde ás xestións mantidas polo goberno local ante ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) para atopar unha solución mentres se resolve a situación administrativa que afecta ás obras.

Segundo explicou o rexedor, desde que se detiveron os traballos mantivéronse diversos contactos co obxectivo de axilizar a súa reanudación e, ao mesmo tempo, conseguir unha alternativa provisional que mellore a mobilidade peonil na zona. Neste proceso, o Concello recibiu a visita do subdirector xeral de Pasos a Nivel, quen se reuniu co alcalde e coa UTE encargada da obra para valorar a situación e estudar posibles solucións.

“Estas xestións deron os seus froitos e podemos dicir que vanse acometer as obras para un paso provisional para persoas, e tamén que nun par de meses aproximadamente retomaranse as obras, na medida en que o tempo o permita”, trasladou o alcalde tras estes contactos.

Un proxecto modificado que eleva o investimento nun millón de euros

A paralización das obras débese, segundo detalla o Concello, á aparición de imprevistos que obrigaron a ADIF a tramitar unha modificación do proxecto orixinal. Ese cambio debe seguir o seu correspondente procedemento administrativo ata recibir o visto bo da dirección do organismo ferroviario, e supón ademais un incremento do orzamento de arredor dun millón de euros.

O goberno local destaca a relevancia desta actuación para a cidade, tanto pola mellora da seguridade viaria como pola supresión das barreiras que as vías do tren supoñen actualmente para a mobilidade urbana. Neste sentido, sublíñase que, tras preto de 150 anos de presenza do ferrocarril en Monforte, o proxecto supón un paso relevante ao tratarse da primeira intervención que logra eliminar algúns dos seis pasos a nivel existentes no casco urbano.

Desde o Concello lémbrase que a execución destas obras corresponde á Administración Xeral do Estado a través dos seus organismos competentes, aínda que se insiste en que o Concello continúa traballando de forma activa para impulsar o seu avance e para que a veciñanza conte con alternativas mentres se completan os traballos. O goberno local reiterou a súa intención de manter as xestións necesarias ante ADIF para lograr que as obras se retomen canto antes.

0.1623010635376