Monforte de Lemos recibirá o 5 de novembro a obra ‘Mofa e Befa: Os dous de sempre’

RibeiraSacraXa
O montaxe, inspirado nos personaxes creados por Castelao, representarase dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios
Mofa e Befa os dous de sempre Monforte (redimensionado)
1 Nov 2026

O Edificio Multiusos de Monforte de Lemos será escenario, o xoves 5 de novembro de 2026, da representación de ‘Mofa e Befa: Os dous de sempre’, unha proposta escénica a cargo de Produccións Teatrais Excéntricas. A función comezará ás 20.15 horas e chega ao concello lucense integrada na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, dirixida a público adulto.

A peza toma como punto de partida os célebres personaxes ideados por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Pedriño e Rañolas, concibidos polo debuxante e intelectual rianxeiro como unha fórmula na que convivían o humor, a crítica social e un fondo de melancolía. Ambas as figuras compleméntanse e necesítanse mutuamente para teren sentido: mentres unha se move guiada polos instintos máis terreais, a outra se sostén unicamente de esperanza e de indignación.

O argumento da obra parte dun grupo de tres médicos con formación de clown que se adentran no legado deste ilustre antecesor. O que comeza como unha viaxe cara ao universo creado por Castelao transfórmase, segundo avanza a trama, nun exercicio de introspección: os profesionais acaban por recoñecerse a si mesmos nesas dúas criaturas que, nun primeiro momento, observaban con distancia e intención burlesca.

A través do humor, a ironía e o sarcasmo, os tres intérpretes dan vida a toda unha galería de personaxes populares —nenos, persoas maiores, sacerdotes, caciques, feirantes, médicos ou camareiros— cos que constrúen un retrato colectivo. O resultado busca deixar nos espectadores unha sensación a cabalo entre a inquietude e a nostalxia, que o propio espectáculo plantexa como un mal que unicamente o humor é capaz de aliviar.

0.15295600891113